TURISMO

A II edición de "Santiago Paixón Doce" celebrarase do 7 ao 17 de abril

10/03/2017 A concelleira de Turismo, Marta Lois, e a presidenta da Asociación Hostalería Compostela, Sara Santos, presentaron no Pazo de Raxoi a segunda edición de Santiago Paixón Doce, programa gastronómico que naceu no 2016 baixo a marca de Compostela Gastronómica coa idea de promocionar como atractivo turístico a tradición larpeira da cidade, moi especialmente durante a Semana Santa.

Santiago Paixón Doce celebrarase do 7 ao 17 de abril. As cafeterías e restaurantes participantes incluirán nas súas cartas produtos e preparacións doces tradicionais da Semana Santa, como torrixas, leite fritida, bolos de vento, rosquillas, melindres, rosca, chocolates "de paixón", tortas ou doces conventuais. Os doces típicos poderán tomarse como sobremesa, tras as comidas ou ceas, ou incluso na propia barra dos locais, sen ter que pedir un menú.

Ademais, este ano abrirase a participación a outro tipo de establecementos como confeiterías, panaderías ou reposterías. Deste xeito, o evento poderá acadar unha maior dimensión e chegar a un maior público. Todos os estabelecementos interesados en participar poden inscribirse mandando un correo a comunicacion@santiagohosteleria.org. O prazo de inscrición remata o 19 de marzo.

Santiago Paixón Doce é organizado conxuntamente por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela. O obxectivo do evento é triplo: dinamizar o consumo nos locais de Santiago durante a Semana Santa, consolidar a cidade como destino turístico gastronómico apoiándose nos produtos propios e elaboracións típicas de tempada, e poñer en valor a tradición larpeira da cidade máis aló da Tarta de Santiago. Na edición do ano pasado, concibida como un programa piloto, participaron 20 estabelecementos que serviron máis de 1.300 doces.

Festa das Uñas
Ademais, Marta Lois e Sara Santos tamén apuntaron a colaboración entre Turismo de Santiago e Asociacións Hostalería Compostela para a promoción da Festa das Uñas de San Lázaro tamén baixo a marca Compostela Gastronómica. A Festa das Uñas, que se celebra no barrio de San Lázaro, é unha das citas gastronómicas máis antigas de Galicia. Este ano será do 31 de marzo ao 3 de abril, uns días antes do comezo de Santiago Paixón Doce.

Nesta acción de promoción, que se realiza dende o 2013, participan arredor duns 20 estabelecementos do barrio, que serven durante os días da Festa o tradicional prato de uñas con patacas, chourizo e bertóns de col. Ademais, na edición do ano pasado xa se sumaron outros estabelecementos doutros barrios.

Direcciones relacionadas



Compartir: