CONSORCIO

O director onubense Lucas Macías levará esta semana a batuta da Real Filharmonía

01/03/2017 A Real Filharmonía de Galicia celebra o seu concerto semanal de abono este xoves 2 de marzo, na súa sede, o Auditorio de Galicia. A cita será ás 20:30 horas, baixo a batuta do mestre onubense Lucas Macías, que ademais de director é un grande intérprete de oboe.

O concerto comezará coa Sinfonía Shrunken (Sinfonía encolleita) do compositor austríaco Kurt Schwertsik (1935). A continuación soará a Sinfonía nº 2 do tamén austríaco Franz Schubert (1797-1828), considerado o introdutor do romanticismo musical. A obra estreouse publicamente medio século despois da morte do autor.

O concerto concluirá coa Sinfonía nº 2 do compositor romántico alemán Robert Schumann (1810-1856). A obra estreouse baixo a batuta do propio Mendelssohn con pouco éxito, o que lle levou a realizar modificacións e presentouna de novo once días máis tarde, cunha audición máis favorable.

A batuta de Lucas Macías
Como oboísta, Lucas Macías formouse nos conservatorios de Zúric e Friburgo (Alemaña). Proseguiu a súa formación na Academia Karajan da Filharmónica de Berlín e no Conservatorio de Xenebra. Foi oboe solista da Royal Concertgebouw Orchestra de Ámsterdam e oboe principal da Orquestra Mozart de Bolonia. Tocou como solista con múltiples agrupacións de toda Europa.

Macías estudou dirección de orquestra na Universidade de Música e Arte Dramático de Viena. Na actualidade é director asistente da Orquestra de París. Debutou como director no Teatro Colón de Bos Aires. Dirixiu en varias ocasións a agrupacións como a Orquestra de Cámara de Xenebra, a Camerata da Royal Concertgebouw, a Orquestra de Ámsterdam e a propia Real Filharmonía de Galicia. Entre os seus próximos compromisos, poñerase á fronte da Orquestra Sinfónica da Radio Sueca, Orquestra da Radio de Noruega, Orquestra de Cámara de Lausana e, en España, da Orquestra Simfònica del Vallès. Dende 2012 é profesor na Universidade de Música de Friburgo.

Compartir: