DEPORTE

Santa Isabel acollerá o vindeiro 7 de marzo o Galicia vs Cataluña de fútbol sala feminino

27/02/2017 A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou esta mañá o partido que enfrontará as seleccións absolutas de fútbol sala feminino de Galicia e Cataluña. O Trofeo Cenor – Camiño de Santiago celebrarase o martes 7 de marzo, ás 20:30 horas, no Polideportivo de Santa Isabel.

Na rolda, Noa Morales estivo acompañada do presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán; do presidente do Santiago Futsal e club organizador, Ramón García; e do xerente de Cenor, Javier González, patrocinador principal do evento.

O obxectivo do partido é a visibilización do deporte feminino, por iso o hashtag proposto para comentar o encontro é #ElasTamenXogan. Ademais, a Corporación compostelá recibirá a ambas seleccións o propio día do partido ás 13:30 horas.

Os seleccionadores galegos son o ex xogador do Compostela Manuel Castillo e María del Carmen Carro, Queru. As entradas teñen un prezo de cinco euros para as persoas adultas e de dous euros para menores de 18 anos. Poderán comprarse no Multiúsos Fontes do Sar e nas oficinas do Santiago Futsal.

Campaña do 8 de marzo
A concelleira de Deporte destacou a "importancia deste encontro, xa que é o primeiro que acolle Santa Isabel da selección absoluta de fútbol sala feminino dende 1998", e chega ademais nunha ocasión inmellorable como é "a campaña que organiza a Concellaría de Igualdade en colaboración con outros departamentos do Concello ao abeiro do 8 de marzo".

Pola súa parte, o presidente do Santiago Futsal, Ramón García, amosou a súa "satisfacción por poder participar na organización deste evento" e apuntou o seu desexo porque "en Santiago poidamos tamén disfrutar dun equipo feminino na máxima categoría".

O presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, puxo o foco no "papel do Santiago Futsal na primeira división de Futbol Sala masculina" e mencionou o importante pulo que "o fútbol sala feminino ten en Galicia con numerosos equipos na máxima categoría". Louzán lembrou que dende a Federación conseguiron recuperarse tamén ás seleccións masculina e feminina de fútbol 11.

Finalmente, o xerente de Cenor e principal patrocinador do partido, Javier Gonzále, destacou "a vinculación de Cenor co mundo do deporte en xeral e con Santiago en particular, unha vinculación que tivemos e teremos sempre".

Compartir: