IGUALDADE

A exposición "Elas" de Aurora Marco reivindicará o papel das mulleres na sociedade

22/02/2017 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou esta mañá o libro Elas, de Aurora Marco, e a exposición que o acompaña e que se poderá visitar do 2 ao 31 de marzo no Centro Abanca Obra Social de Santiago. Na rolda estivo acompañada da autora e do editor de A Xanela Editorial, Xosé Manuel Calviño.

Marta Lois fixo fincapé en que este libro de Aurora Marco amosa "as contribucións das mulleres galegas nos diferentes ámbitos de ocupación dende as orixes até 1975, ano de cambios políticos e punto de partida da revisión da situación e dereitos das mulleres". Ademais, a concelleira lembrou que Elas é unha das accións propostas polo Concello dentro da campaña do 8 de marzo.

Aurora Marco
Nacida en Noguera de Albarracín (Teruel) en 1948, leva, como quen di, toda a vida investigando o papel da muller na historia de Galicia. Autora de numerosas publicacións, grazas ao seu traballo, a cara oculta do noso pasado conta con nomes e apelidos de mulleres, feitos e vivencias por séculos silenciadas. A Xanela Editorial, un novo proxecto que dará que falar no noso país, vén de presentar a última obra desta investigadora en Lugo, Elas, editada dun xeito moi especial, numerada en 155 exemplares e na que participan oito artistas galegas ben significativas.

A ensaísta, catedrática de Lingua e Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela recoñece que escribir Elas levoulle media vida. "Comecei a investigar case ao mesmo tempo que coa docencia. Fixen traballos sobre lingua e literatura galega e a súa didáctica; editei algúns clásicos; publiquei varias biografías... mais, dende hai máis de 20 anos, estou centrada na recuperación da historia das mulleres galegas". Coa chegada a Compostela esta obra, xunto á exposición que o acompaña, continúa un periplo que comezou o pasado ano na Coruña e que percorreu Pontevedra, Vigo e Ribeira.

Elas reivindica o papel da muller na sociedade. "A indiferenza das administracións e de parte da sociedade, os planos de igualdade, as disposicións e as leis a favor da mesma son papel mollado se non hai un interese para que mude a situación da poboación feminina", afirma Aurora Marco.

Exposición ata o 31 de marzo
Na exposición, que se inaugurará o día 2 de marzo de 2017 e que estará aberta no Centro Abanca Obra Social de Santiago (praza de Cervantes, 19) ata o 31 de marzo, poderán verse as obras orixinais que acompañan ao libro realizadas polas artistas galegas Chelo Rodriguez, Ehlaba Carballo, Irene Silva Xiraldez, Mª Manuela, Mª Xesús Díaz, Novais, Sabela Arias Castro e Vanessa Lodeiro. A investigadora Aurora Marco quedou moi satisfeita co resultado final. "Sen térmonos coñecido nin falado antes, as pintoras só sabían de que ía o libro, captaron moi ben o espírito que eu buscaba nesta publicación. E é curioso, moitas das mulleres que vemos nestes cadros, que nos atrapan pola súa beleza, están reflectidas nas biografías que recollo".

Elas é unha edición de luxo, limitada a 155 exemplares de tirada mundial; cada obra está acreditada por acta notarial, numerada do 1 ao 155 diante de notario.

A maquetación foi pensada por un equipo de traballo interdisciplinar en cada detalle, para ofrecer comodidade no manexo e na lectura sen renunciar a beleza do deseño. As 16 serigrafías que completan está obra fixéronse en papel Conqueror de 300 gr no obradoiro Espazo do Paraná, en Santiago de Compostela. A impresión do libro realizouse sobre un papel de 200 gr para as páxinas en cuadricromía e de 170 gr para as monocromo. Da encuadernación e do estoxo encargouse o profesor e artesán Pablo Pino.

Compartir: