IGUALDADE

Minuto de silencio pola última vítima mortal da violencia machista

21/02/2017 A praza do Obradoiro acolleu unha concentración para condenar o último asasinato machista, que deixou este luns unha vítima en Redondela. É a segunda vítima da violencia machista en Galicia no que levamos de 2017.

Integrantes da Corporación municipal e traballadores/as participaron neste acto, no que se gardou un minuto de silencio en recordo da muller asasinada. Volveu así darse cumprimento á moción aprobada por unanimidade no Pleno da Corporación do 7 de setembro de 2015, que fixa accións de dó e solidariedade por cada asasinato machista.

Colectivos feministas convocaron unha concentración para condenar firmemente e amosar a repulsa de toda a sociedade a que sigan acontecendo agresións e asasinatos machistas. A concentración será mañá mércores, 22 de febreiro, ás 20:00 horas, na praza 8 de Marzo.

A violencia de xénero é a expresión máis extrema da desigualdade social que sofren as mulleres, e estes asasinatos prodúcense porque a violencia segue sendo utilizada como un mecanismo de control e dominación das mulleres. O Goberno municipal e o conxunto da Corporación condenan firmemente a violencia de xénero, e queren amosar a súa máxima solidariedade coas familias de todas as mulleres asasinadas.

Compartir: