ALCALDÍA

A Asociación de Municipios do Camiño de Santiago celebrará na cidade a a súa próxima Asemblea Xeral

17/02/2017 A Asociación de Municipios do Camiño de Santiago celebrará a súa próxima Asemblea Xeral en Compostela, o venres 6 de outubro. Foi un dos acordos adoptados pola Xunta Directiva da entidade, que se celebrou hoxe na localidade palentina de Carrión de los Condes, coa asistencia do alcalde de Santiago, Martiño Noriega. Tamén se decidiu que a próxima Xunta Directiva se celebre en Santo Domingo de la Calzada.

Na xuntanza de hoxe acordouse iniciar o procedemento de contratación das actividades de asistencia administrativa e técnica necesarias para o normal e completo funcionamento da Asociación, e para a elaboración dos seus plans, programas e acordos. O contrato, para o período 2017-2020, terá un tipo de licitación de 640.000 euros, IVE incluído. Será o Concello de León o que se encargue da tramitación administrativa, posto que ostenta a presidencia da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago.

A Xunta Directiva acordou, ademais, poñer en marcha unha campaña nas redes sociais, para implicar os peregrinos e peregrinas na mellora do Camiño de Santiago, invitándoos a facer as súas suxestións para que a ruta xacobea luza en mellor estado.

A Asociación de Municipios do Camiño de Santiago quedou constituída en novembro de 2015, co obxectivo de establecer relacións de cooperación entre os municipios que conforman o Camiño Francés para promover proxectos de interese común, e coa colaboración das respectivas administracións locais, autonómicas e estatais. Da entidade forman parte os concellos de Canfranc, Jaca, Santa Cilia, Sangüesa, Puente La Reina, Estella, Los Arcos, Logroño, Navarrete, Nájera, Santo Domingo de la Calzada, Viloria, San Juan de Ortega, Burgos, Castrojeriz, Frómista, Carrión de los Condes, Sahagún, Mansilla de las Mulas, León, Hospital de Órbigo, Astorga, Ponferrada, Molinaseca, Sarria, Paradela, Portomarín, Palas de Rei, Melide e Santiago de Compostela.

Compartir: