PLENO

O Pleno aproba a adhesión de Santiago á Asociación de Concellos do Camiño Inglés

16/02/2017 O Pleno da Corporación aprobou hoxe en sesión ordinaria a adhesión de Santiago á Asociación de Concellos para a promoción do desenvolvemento turístico do Camiño Inglés, cos votos favorables de todos os grupos municipais.

Esta adhesión supón dar un paso máis na promoción do Camiño Inglés, despois de que os alcaldes de Santiago e A Coruña, Martiño Noriega e Xulio Ferreiro, respectivamente, lle solicitaran ao Cabido compostelán a concesión da "Compostela" a aqueles peregrinos e peregrinas que comecen o Camiño dende a cidade herculina. Unha proposta que para Segundo Pérez chegou "avalada por un estudo serio sobre a relevancia histórica do Camiño Inglés dende a Coruña realizado polo Concello, que tamén está traballando para potenciar os seus lugares xacobeos".

A proposta á que lle deu luz verde o Pleno supón que Compostela entre a formar parte dunha asociación que ten como obxectivo a promoción do Camiño Inglés, a defensa e mellora do patrimonio natural e artístico do Camiño Inglés ou a elaboración de programas turísticos e medioambientais. Están representados os municipios de Mesía, Cabanas, Paderne, Oroso, Abegondo, Neda, Miño, Pontedeume, Betanzos, Ordes, Culleredo, Cambre, Fene, Narón, Ferrol e A Coruña.

Outros acordos
No Pleno tamén se aprobou a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal e do Plan Especial do Campus Universitario no eido do grupo de vivendas de San Ignacio de Loyola. O obxecto da modificación adoptada pasa por excluír do ámbito do sistema xeral de equipamento universitario as parcelas ocupadas polo grupo de vivendas de San Ignacio de Loyola, debido aos inconvenientes que supoñía para os e as ocupantes de ditas vivendas.

A Corporación aprobou igualmente unha proposta do Partido Popular relativa á adopción de medidas para evitar perigos derivados do abandono das vivendas. O Goberno lembrou que xa se están a poñer solucións en casos concretos.

Ademais, deuse o visto bo unánime a unha proposta dos socialistas relacionada co proxecto de execución da variante de Aradas, en fase de licitación pola Xunta de Galicia. A proposta inclúe a realización de traballos de saneamento e abastecemento na zona aproveitando o investimento que se vai realizar.

O Pleno tamén deu luz verde a unha proposición do BNG para a conversión da vella terminal de Lavacolla nun espazo de utilidade pública. Os grupos coincidiron na necesidade de que AENA realice un estudo de usos de cara á resolver a desocupación actual deste espazo.

Compartir: