HOMENAXE

O Concello colabora con El Patito Editorial nunha dobre homenaxe a Rosalía de Castro e a Narf

16/02/2017 O Concello e El Patito Editorial colaboran nunha homenaxe a Rosalía de Castro e a Fran Pérez, Narf, que se celebrará o próximo día 21, ás 19:30 horas, na Galería Sargadelos. O acto foi presentado hoxe, nunha rolda de prensa na que participaron a tenente de alcalde, María Rozas, e os ilustradores Fausto Isorna e Xurxo Alonso.

O acto do día 21, que contará coa participación do alcalde, Martiño Noriega, servirá para botarlle peche á exposición que nestes días se pode ver na Galería Sargadelos, con ilustracións inspiradas na obra de Rosalía de Castro realizadas ex profeso por artistas senlleiros. Trátase dos traballos incluídos nunha serie de libros que El Patito Editorial empezou a editar no ano 2011, cinco volumes ilustrados por Pepe Barro, Álvaro de la Vega, Xurxo Alonso, Manolo Figueiras e Fausto Isorna. Como colofón, El Patito Editorial sacou á rúa o disco-libro de Narf Nas tardes escuras.

A tenente de alcalde, María Rozas, explicou que o Concello non podía deixar de colaborar neste acto, "no que se xunta a homenaxe a Rosalía de Castro, no 180 aniversario do seu nacemento, e ao músico Narf, que nos deixou demasiado pronto hai tres meses". A edil lembrou o vínculo que os dous persoeiros teñen con Santiago, e gabou o traballo feito por Narf nese disco, Nas tardes escuras, "no que nos descubriu o rock que está agochado nos poemas de Rosalía".

Na mesma liña, o ilustrador Fausto Isorna salientou a conveniencia de lle render un homenaxe conxunto a Narf e a Rosalía de Castro, "porque a obra da poeta acabou supoñendo un antes e un despois para o músico, que lamentablemente faleceu no momento máis álxido da súa carreira".

Compartir: