ALCALDÍA

Asinado o protocolo para a mellora das entradas dos Camiños de Santiago no termo municipal

15/02/2017 O alcalde, Martiño Noriega; a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asinaron esta mañá o protocolo de colaboración para a mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago no termo municipal de Compostela. Foi nun acto celebrado no Museo das Peregrinacións, no que Concello e Xunta recoñeceron que o acondicionamento dos tramos composteláns das distintas rutas xacobeas era unha materia pendente, e no que se comprometeron a ter executadas as actuacións de cara ao Ano Santo de 2021.

Tras a sinatura do acordo, o alcalde salientou que este protocolo "volve poñer de manifesto que Santiago é un espazo no que non se entende outra maneira de operar que non sexa o consenso institucional". Martiño Noriega mostrouse convencido de que o acordo "permitirá que a cidade luza como debe lucir no horizonte do Ano Santo de 2021, e iso poderano comprobar os composteláns e os milleiros de visitantes que recibimos cada ano".

Un investimento de 4,2 millóns de euros
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, explicou que, en virtude deste protocolo, a Xunta destinará 4,2 millóns de euros á mellora dos tramos composteláns das distintas rutas xacobeas. En concreto, actuarase no Camiño Francés no tramo que vai dende a baixada do Monte do Gozo á capela de San Lázaro; e nas rúas das Fontiñas, Fonte de Concheiros e Concheiros, especialmente na reordenación do cruce coa avenida de Lugo. Tamén están previstas melloras no Camiño Portugués, na chegada ao Mosteiro de Conxo e á rotonda de Conxo sobre a SC-20; e no Camiño Inglés, no tramo que vai polo Polígono do Tambre e fronte ao cemiterio de Boisaca.

Segundo este acordo, a Xunta encargarase de redactar os proxectos e executar as obras, mentres que o Concello colaborará na tramitación administrativa, posta a disposición dos terreos e reposición de servizos. O obxectivo fixado polas dúas administracións é que as obras estean executadas no ano 2020, e para iso prevese que no próximo mes de marzo se inicie a contratación dos proxectos construtivos.

Compartir: