MOCIDADE

En marcha a primeira programación do Centro Xove de Creación Cultural

15/02/2017 A concelleira de Mocidade, Noa Morales, presentou esta mañá os detalles da primeira programación do Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga, correspondente ao primeiro semestre do ano. Todas as actividades son de balde.

A concelleira fixo fincapé na importancia que este espazo cobra para a mocidade de Compostela mediante o desenvolvemento "non só de actividades regulares como as que hoxe presentamos, senón tamén como espazo para o desenvolvemento de accións en días concretos ou como contedor para o colectivo de mozos e mozas".

Noa Morales destacou que "o Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga nace coa vocación de acoller unha chea de actividades de todo tipo e, nese sentido, traballamos tamén dende o departamento para programar cursos e talleres multidisciplinares". Todas as actividades son de balde e están dirixidas a mozos e mozas de entre 16 e 35 anos.

Cinco actividades
Realizarase un taller de escritura creativa de 12 horas de duración e dirixido a 15 persoas dende o 22 de febreiro ao 29 de marzo, os mércores, en horario de 18:00 a 20:00 horas. Estará impartido por Silvia Barbeito. O obxectivo desta actividade é inventar novos mundos, xogar co tempo… As persoas que se anoten aprenderán os recursos precisos para expresarse mellor e canalizar as ideas no proceso creativo.

Para as persoas que queiran fusionar creatividade e arte do debuxo co proceso meditativo, o seu curso é o Zentagle, de 12 horas de duración e impartido entre o 24 de febreiro e o 31 de marzo en horario, os venres, de 18:00 a 20:00 horas. A docente será Elisabet Hillerud.

O terceiro curso ofertado tamén é de 12 horas de duración e impartirase todos os luns, de 16:00 a 18:00 horas, entre o 20 de febreiro e o 27 de marzo. Trátase dun taller de ilustración a cargo de Xosé Tomás, quen busca ofrecer aos participantes unha viaxe polas diferentes interpretacións e lecturas das palabras ata converterse en ilustracións. Nun clima de constante sorpresa, de utilización do humor e do paradoxo, buscarase espertar e estimular a creatividade, así como a capacidade de comunicar historias con imaxes.

Expresión corporal: Ritmo, danza e xogo corpóreo busca desenvolver a conciencia corpórea, a expresividade e a musicalidade do movemento. Durante a formación experimentaranse dominios como o ritmo, a danza, o xogo corpóreo e a súa relación co espazo escénico, o movemento coral, a percepción visual, o centro motor, o corpo imaxinario, a memoria sensorial e afectiva, as impulsións, a fantasía e a creación. O curso está impartido por Fabiana Gastaldello, dura 13 horas e darase o luns 20 de febreiro entre as 18:00 e as 21:00 horas e os venres 3, 10, 17, 24 e 31 de marzo entre as 16:00 e as 18:00 horas.

Tamén hai espazo para a música, cun curso de técnica vocal e canto de 12 horas de duración impartido por Pablo Ferradás do 21 de febreiro ao 28 de marzo, todos os martes de 18:00 a 20:00 horas. Trátase de crear un espazo para a formación vocal de todas as persoas que queiran introducirse no campo da técnica vocal en calquera estilo musical que interpreten. Aprenderase a potenciar ao máximo as calidades vocais, o que axudará ás persoas participantes a abordar con solvencia pezas de diferente esixencia vocal.

O último curso é o de percusión africana, de 12 horas a impartir todos os martes, de 16:00 a 18:00 horas, entre o 21 de febreiro e o 28 de marzo. É un achegamento á cultura de África occidental a través da súa música. Neste espazo farase conciencia de grupo, coñeceranse os elementos desta música, aprenderanse técnicas musicais e exercitarase o sentido do ritmo e a expresión musical nun contexto distendido.

A inscrición para esta primeira quenda de actividades está aberta ata o venres 17 de febreiro e pode facerse en centroxove.com/solicitudes-e-inscricions-nos-cursos.

Noite de Entroido
O Centro Xove de Creación Cultural non só ten programación regular, senón que é un espazo para que a mocidade desenvolva diferentes actividades. Por iso, este venres celébrase a Noite de Entroido, que leva por nome Filloada de Arrepío, con Paula Carballeira. Esta acción busca darlle o comezo ao Entroido e que está pensada para mozos e mozas de entre 16 e 35 anos.

A actividade comezará ás 21:00 horas e inclúe a degustación dunha das sobremesas típicas destas datas, as filloas.

Direccións relacionadas



Compartir: