EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Experimento sonoro co luthier Anxo Cabreira na Escola Municipal de Música

14/02/2017 Ao longo de dúas sesións, o alumnado do PEX, de PEPA da Escola Municipal de Música e público convidado participou nunha innovadora actividade musical impartida polo luthier Anxo Cabreira, quen fixo da súa paixón pola madeira un oficio que está a ter gran recoñecemento profesional. Este artesán, logo de incursións en distintos países para afondar no seu oficio, tivo a oportunidade de traballar no prestixioso taller Hans Weisshaar, que é dende hai décadas un referente mundial na construción e reparación de instrumentos de arco. Violíns, violas e violonchelos, entre outros instrumentos, son tratados con técnicas manuais centenarias.

Nesta ocasión, dentro do programa de actividades da Escola Municipal de Música de Santiago, o luthier Anxo Cabreira visitou o centro para a realización dun experimento sonoro consistente en dúas probas de identificación de instrumentos. As escoitas neste tipo de tests realízanse a cegas. Esta característica é importante, xa que cando perdemos o contacto visual cos obxectos que percibimos e sentimos, neste caso escoitamos, eliminamos unha variable que nos afecta moito á hora de xulgar. Certos prexuízos que temos poden reforzarse coa visión do que percibimos.

As probas ou tests realizáronse con varios violíns. As persoas de diferentes idades que participaron no experimento non podían ver cal dos instrumentos estaba a tocarse. Tan só tiveron unha referencia alfanumérica do instrumento, e debían ser capaces de distinguilos polo son. Tamén se realizou un test de atributos para avaliar as características tímbricas dos instrumentos. Neste caso decidiuse acoutar a tres atributos moi diferentes e doados de valorar nun principio: a profundidade (relativa aos graves), a brillantez (relativa aos agudos) e a potencia (relativa á cantidade de son).

Resultou unha experiencia interesante para aproximarse ao mundo destes instrumentos, que permiten coñecer e valorar a complexidade que ten o proceso de construción e reparación de instrumentos musicais e os avances técnicos que desenvolve o mundo da luthería. Para rematar, Anxo Cabreira atendeu as preguntas suxeridas polos participantes e detívose na ilustración do complexo proceso no que se ven inmersos os luthieres na análise de cada instrumento, examinando polo miúdo cada instrumento nunha primeira avaliación, a antigüidade, o tipo de madeira utilizada, a clase de verniz aplicado e o estado e o tempo de todos os seus compoñentes.

Compartir: