ALCALDÍA

O Goberno volve apostar pola participación da cidadanía cos "Encontros ao vivo"

13/02/2017 O alcalde, Martiño Noriega, presentou hoxe os Encontros ao vivo, unha serie de actos deseñados para completar os procesos de participación cidadá impulsados dende o Goberno, e que pretenden ser o marco para que o Executivo renda contas en contacto directo coa veciñanza. O rexedor explicou que o obxectivo é que este modelo "acabe converténdose en praxe política, máis alá das cores, e que a aposta pola participación sexa unha aposta real e non simplemente ornamental".

Noriega sinalou que os Encontros ao vivo son o seguinte paso, "despois de termos elaborado unha auditoría cidadá a partir das ducias de reunións mantidas coas diferentes asociacións de Compostela". Tamén completan a aposta pola participación directa que supoñen os orzamentos participativos, "que este ano permitirán executar algúns dos proxectos decididos polos veciños e veciñas de Santiago".

Nos Encontros ao vivo participarán o propio alcalde e todos os concelleiros do Goberno, co obxectivo de dar conta da situación na se atopan as demandas veciñais, do punto no que se está na resolución dos problemas e das perspectivas e proxectos que existen de cara ao futuro. Despois, serán as persoas asistentes as que poidan falar para formular novas demandas ou expresar as súas opinións. Para garantir que todos os asistentes teñan a oportunidade de falar, os Encontros ao vivo estarán dirixidos por profesionais da mediación, que medirán tempos e favorecerán a diversidade de todas as achegas.

Nove encontros por todo o municipio
O Goberno local pretende abarcar todo o territorio de Compostela con estes actos e, por iso, están planificados nove Encontros ao vivo, seis en áreas urbanas e tres en áreas rurais. En cada un deles, agruparanse varios barrios ou parroquias, de xeito que se poderán tratar temas concretos que lles afecte á súa veciñanza, ou asuntos de interese para o conxunto da cidade.

As xuntanzas serán sempre en sábado pola mañá, en principio o último ou o penúltimo sábado de cada mes e, na medida do posible, na rede de centros socioculturais. Para favorecer a participación, nos Encontros haberá servizo de conciliación.

Primeira cita, o 25 de febreiro
O primeiro Encontro ao vivo celebrarase o 25 de febreiro, a partir das 11:30 horas, e estará dirixido á zona Urbana Nordeste, que agrupa as zonas de San Pedro, Belvís, Fontiñas, Viso, Camiño Francés, Monte dos Postes, San Lázaro e Amio. A xuntanza será no Centro Sociocultural de Fontiñas.

No mes de marzo, tamén o día 25, haberá un Encontro ao vivo para a zona do rural norte, que agrupa as parroquias de Bando, Sabugueira, Carballal, Enfesta, Cesar, Barciela, Marantes, Nemenzo, Busto, Verdía, A Gracia, A Peregrina, Grixoa, San Xoán de Fecha e Santa Cristina de Fecha. Xa o 22 de abril, os Encontros ao vivo volverán ao ámbito urbano, en concreto á zona sureste (Sar, Ponteñedriña, Restollal, Lamas de Abade e Castiñeiriño).

Documentos relacionados



Compartir: