LINGUA

O alcalde entrega material didáctico en galego na Escola Infantil de Fontiñas

09/02/2017 O alcalde, Martiño Noriega, visitou esta mañá a Escola Infantil Municipal de Fontiñas para facer entrega de recursos educativos en galego, dentro do proxecto Apego, que pretende incentivar a transmisión da lingua ás novas xeracións.

Martiño Noriega mantivo unha charla coas educadoras do centro, na que se abordou a importancia do seu papel na socialización en galego dos nenos e nenas e o papel que xogan as escolas infantís municipais no obxectivo de que os nenos e nenas teñan o suficiente contacto coa nosa lingua e, polo tanto, poidan usala con competencia e fluidez. Nesa liña, o alcalde ofreceulles ás educadoras da Escola Infantil Municipal de Fontiñas toda a colaboración do Departamento Municipal de Lingua cara a resolver dúbidas ou atopar as ferramentas necesarias para que poidan contribuír á socialización do seu alumnado en galego.

Entre o material que lle foi entregado á escola infantil para os seus fondos figuran sobre todo libros e música, pero tamén diferentes recursos vinculados ao primeiro alfabeto galego que editou a Mesa pola Normalización Lingüística. Ademais, o persoal da escola recibiu cadanseu exemplar do monográfico da Revista Galega de Educación sobre a lingua na etapa infantil e os nenos e nenas levaron cadanseu conto, agasallos da Libraría Couceiro.

Compartir: