CENTROS SOCIOCULTURAIS

O Centro Sociocultural de Conxo acolle unha sesión de lecturas dramatizadas

08/02/2017 O Centro Sociocultural de Conxo acollerá o sábado, a partir das 12.30 horas, unha sesión de lecturas dramatizadas dos textos teatrais feitos polos alumnos do obradoiro de dramaturxia impartido por Roi Vidal durante o último trimestre de 2016. Deste xeito, bótaselle o peche a esta actividade, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, en colaboración co Concello.

O obradoiro "Disme o corpo, douche a voz" desenvolveuse no centro sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo, con 15 sesións dirixidas por Roi Vidal e cunha sesión maxistral impartida pola actriz e directora teatral Clara Gayo. O obxectivo da actividade era que os participantes comprenderan que o teatro ten unhas características especiais con respecto a outras artes. Durante as aulas, déronse as claves e as estratexias creativas máis útiles para abordar o xénero drámático. Tamén se fixo un repaso pola evolución da literatura dramática a través da historia.

O acto do sábado será unha boa ocasión para que as novas autoras e autores presenten os textos que realizaron a partir da formación impartida por Roi Vidal. A partir de aquí, abrirase a porta a que estas obras sexan levadas a escena.

Compartir: