POLÍTICAS SOCIAIS

Concha Fernández participa na entrega de diplomas dos cursos realizados por Cáritas durante o 2016

08/02/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde, Concha Fernández, asistiu esta mañá á entrega de diplomas das accións formativas que Cáritas levou a cabo durante o pasado 2016 coa colaboración da Fundación Reale, da Xunta e do Concello de Santiago.

Durante o pasado ano realizáronse seis cursos nos que participaron 99 persoas de difícil inserción sociolaboral e das que 21 conseguiron emprego. No acto de entrega de diplomas Concha Fernández destacou "a colaboración entre as administracións públicas e as entidades sociais como medio para conseguir mellores oportunidades para todos e todas". A concelleira quixo parabenizar as persoas que participaron nestes programas e asegurou que "o mellor investimento que se pode facer na sociedade é o da formación".

A concelleira reiterou "o noso compromiso e responsabilidade para facer das nosas cidades e concellos uns lugares máis inclusivos, solidarios, sustentábeis, sociais e xustos".

Os seis cursos realizados durante o 2016 foron de operacións auxiliares de comercio, de camareira de andares, de Servizos Domésticos, de atención a maiores e de corte e confección.

Compartir: