TURISMO

O Tren Turístico incorporará unha nova ruta verde polos parques e a arquitectura contemporánea da cidade

03/02/2017 A concelleira de Turismo, Marta Lois, presentou as melloras que se inclúen nos pregos de condicións do concurso para a explotación do servizo do Tren Turístico de Santiago, que aprobou o Consello de Administración de Incolsa e que onte se publicaron no BOP da Coruña.

Ata o momento, o tren turístico contaba cunha única ruta circular que partía e chegaba á praza do Obradoiro, cun percorrido duns 50 minutos que bordeaba o Casco Histórico. No ano 2016, arredor de 100.000 persoas empregaron este servizo para coñecer a cidade, unha cifra que amosa a súa importancia como ferramenta para xestionar os fluxos turísticos en Compostela.

O novo servizo do Tren Turístico de Santiago introducirá dúas melloras relevantes co obxectivo de modular os fluxos turísticos, promocionando novos lugares que visitar, ademais do Casco Histórico. Unha mellora será a creación dunha nova ruta e a outra será a posibilidade de subir e baixar en diferentes puntos da cidade.

A nova ruta do Tren Turístico, que se chamará Compostela Viva, percorrerá os espazos verdes e novas arquitecturas da cidade. A ruta pasará polo Bosque de Galicia, a Colexiata de Sar e os grandes parques da cidade, como o Eugenio Granell, Brañas de Sar, Carlomagno, Alameda, Parque da Música, Belvís…

O obxectivo desta segunda ruta é que os turistas e visitantes poidan coñecer outras partes da cidade máis alá do Casco Histórico. Precisamente, para facilitar o seu desprazamento, esta ruta permitirá que as persoas usuarias podan subir e baixar en diferentes paradas prefixadas ao longo da cidade. Na ruta do Casco Histórico habilitarase tamén unha parada para subir e baixar no barrio de San Pedro.

Tamén se introduce unha mellora no proceso administrativo de concesión, xa que a adxudicación resolverase por fórmulas ou criterios cuantificables, evitando así os informes de valoración de criterios cualitativos, non medibles. Así, o proceso de adxudicación terá maior transparencia.

Compartir: