ALCALDÍA

O alcalde agradece o apoio do ministro de Fomento á proposta de darlle ao aeroporto o nome de Rosalía de Castro

01/02/2017 O alcalde mostrou hoxe a súa satisfacción polo apoio do ministro de Fomento ao cambio de denominación do aeroporto de Santiago, apoio expresado na reunión que Íñigo de la Serna mantivo onte co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Este respaldo é fundamental para que a terminal acabe levando o nome de Rosalía de Castro, porque é Fomento quen ten a competencia sobre os aeroportos.

Martiño Noriega lembrou que a proposta para rebautizar o aeroporto co nome de Rosalía de Castro "non fai máis que sumar apoios dende que se fixo pública". Así, a iniciativa transformouse nunha declaración institucional dos catro grupos da Corporación municipal, "que recibiu o respaldo de todo o arco do Parlamento Galego, da Xunta, e de entidades como a Fundación Rosalía, a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega".

O alcalde insistiu en que o feito de que o aeroporto de Santiago leve o nome da poeta "ten unha enorme carga simbólica, pero tamén serve para poñer en valor a nosa cultura e o papel da muller; así como para referenciar a posición de Lavacolla no mapa aeroportuario do país".

Infraestruturas
Con respecto á reunión entre o ministro de Fomento e o presidente da Xunta, o alcalde tamén quixo valorar positivamente o compromiso para iniciar este ano a licitación da estación intermodal de Santiago. En todo caso, Martiño Noriega sinalou que "non se pode esperar que unha única xuntanza chegue para solucionar todo o que ten que ver coa infraestrutura, senón que será preciso seguir traballando nos próximos meses e coa participación tamén do Concello".

O alcalde, que lamentou o novo aprazamento da chegada do AVE a Galicia, lembrou que o Concello segue a traballar da man coa Consellería de Infraestruturas e mostrouse convencido de que "nas próximas semanas haberá un lugar de encontro sobre o proxecto da estación de autobuses e sobre os accesos á infraestrutura". Tamén reiterou que "a condición de chegar a 3,5 millóns de pasaxeiros non será un impedimento para que Santiago teña a intermodal que precisa, porque as previsións de crecemento de usuarios son boas".

Compartir: