ALCALDÍA

O alcalde recibe o presidente do Club Atletismo Santiago

24/01/2017 O alcalde, Martiño Noriega, recibiu hoxe a Alfonso López, presidente do Club Atletismo Santiago e representante de todos os clubs da cidade desta disciplina deportiva que practican na cidade 900 atletas.

A reunión tiña como obxectivo analizar a situación creada despois de que, dende comezos de ano, a Federación Española de Atletismo negara a posibilidade de que as dúas pistas de atletismo de Compostela alberguen competicións. Ningunha das dúas instalacións, a do estadio de San Lázaro e a da Universidade, están homologadas pola propia Federación. A de San Lázaro nunca o estivo, mentres que a USC perdeu ese recoñecemento no ano 1997.

Alfonso López pediulle ao alcalde que intente chegar a "acordos de cidade" con outras institucións, que "eviten que máis de 2.000 nais e pais teñan que desprazarse a outras cidades galegas para calquera tipo de competición". Ademais, incidiu en que "a capital de Galicia non pode permitirse o luxo de non ter unha pista de atletismo homologada pola Federación".

Segundo o presidente do Club de Atletismo Santiago, "a pista de San Lázaro xa non ten solución posible pola forma na que foi feita no seu día, pero na da Universidade hai alternativas para conseguir a homologación". Segundo apuntou, sería posible unha intervención temporal presupostada en 50.000 euros, mentres que a actuación definitiva nas instalacións podería custar uns 200.000 euros.

O alcalde comprometeuse a intentar chegar a acordos con outras institucións como a Universidade de Santiago, propietaria da pista de atletismo, ou a Xunta "para que Santiago teña unhas instalacións á altura". Martiño Noriega mostrouse disposto a estudar que o Concello realice unha achega económica, "se hai cofinanciamento da propia USC e da Xunta". O alcalde adiantou que nesta mesma semana intentará abordar esta cuestión co reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño.

Compartir: