EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O Concello e Viaqua forman á poboación escolar de Santiago sobre o ciclo natural e urbano da auga

23/01/2017 A Concellaría de Educación e Cidadanía e Viaqua poñen en marcha varias propostas educativas para este curso 2016-2017, co obxectivo de lograr unha maior concienciación dos nenos e nenas sobre o uso responsable da auga e o coidado do medio ambiente. Destacan o programa Aquoloxía e as visitas didácticas á EDAR e á ETAP, que se suman á exposición H2Oh! Os segredos da auga da túa cidade, actualmente aberta na Alameda.

Segundo explicaron o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, e o director de Viaqua en Galicia, Julio Masid, Aquoloxía é un programa destinado a alumnado de 3º de educación primaria. A través deste taller, preténdese iniciar aos e ás escolares no coñecemento do ciclo natural e urbano da auga, e concienciar sobre a importancia da auga e do coidado do medio ambiente nas nosas vidas.

A través de recursos dixitais e interactivos, os nenos e nenas realizarán actividades prácticas sobre os usos da auga na casa ou no colexio; como a auga chega ás vivendas; os tratamentos necesarios para poder bebela ou devolvela tratada ao medio natural; ou a rede de transporte da auga.

A previsión é que uns 300 rapaces e rapazas participen nos talleres, que se desenvolverán no segundo trimestre do curso escolar (febreiro, marzo e abril). Os colexios teñen ata o 15 de febreiro para solicitar a súa participación no programa, cubrindo a ficha de solicitude e remitíndoa ao Departamento de Educación e Cidadanía.

Visitas á EDAR e á ETAP
Os centros escolares tamén poden solicitar ao Departamento a organización de visitas didácticas á Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), e á Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP). Grazas a esta actividade, os nenos e nenas poden coñecer in situ o proceso real do ciclo integral da auga. Estas visitas están dirixidas tanto a alumnado de primaria como de secundaria.

Exposición na Alameda
Ademais, ata o 22 de febreiro seguirá instalada na Alameda a exposición H2Oh! Os segredos da auga da túa cidade, promovida pola Obra Social "la Caixa" e Viaqua coa colaboración do Concello de Santiago. Esta mostra pode visitarse na Alameda do 17 de xaneiro ao 22 de febreiro, en horario de 12:30 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas. Hai visitas guiadas de luns venres ás 19:00 horas, e os sábados, domingos e festivos ás 12:00 e ás 19:00 horas. Poden concertarse visitas escolares no teléfono 902 906 666.

Máis información sobre estes programas no Departamento de Educación e Cidadanía, a través do correo electrónico dptoeducacion@santiagodecompostela.org, do teléfono 981 554 400 ou do fax 981 571 511.

Compartir: