PLENO

A Corporación municipal solicita que o aeroporto de Lavacolla leve o nome de Rosalía de Castro

19/01/2017 O Pleno da Corporación aprobou hoxe unha declaración institucional para instar ao Ministerio de Fomento e a AENA a cambiar a denominación do aeroporto de Santiago, para que pase a chamarse Aeroporto Internacional Rosalía de Castro-Santiago de Compostela-Lavacolla.

O texto foi pactado polos catro grupos da Corporación municipal, partindo dunha moción presentada por Compostela Aberta que tiña o apoio da Real Academia da Lingua, o Consello da Cultura Galega e a Fundación Rosalía de Castro. O presidente desta última entidade, Anxo Angueira, estivo presente na sesión plenaria.

A declaración avoga porque este cambio de denominación teña efecto dende o 24 de febreiro, Día de Rosalía, e nun ano no que ademais se conmemora o 180 aniversario do nacemento da escritora. Tamén se ofrece a AENA e á Fundación Enaire a colaboración do Concello para promover a figura e obra de Rosalía de Castro e doutras moitas figuras literarias vinculadas coa cidade e as letras galegas. Por último, a declaración institucional propón a inclusión de contidos culturais e literarios sobre a vida e obra de Rosalía de Castro nos convenios subscritos cos operadores aéreos con actividade en Lavacolla para a promoción da cidade e de Galicia, para dalos a coñecer entre os e as visitantes.

Homenaxe a Rosalía e proxección da imaxe da cidade
A declaración institucional acordada por Compostela Aberta, PP, PSOE e BNG sinala que "Rosalía de Castro é a figura galega con maior recoñecemento interno e externo da nosa cultura", e o mellor símbolo para proxectar ao mundo a imaxe de Santiago de Compostela e de Galicia. Ao tempo, sinala que o aeroporto de Lavacolla é o edificio público da cidade máis acaído para honrar á escritora.

O nomeamento dos aeroportos con personaxes ilustres "é unha práctica instituída en moitos países". Así, podemos atopar a terminal Louis Amstrong de Nova Orleans, o John Fitzgerald Kennedy de Nova York ou o Galileo Galilei de Pisa. Ademais, en moitas terminais aeroportuarias a promoción da cultura atopa un espazo físico único e privilexiado. Tal é o caso da proxección da figura de James Joyce e das súas obras Ulysses e Dubliners na terminal do aeroporto de Dublín, o exemplo do museo da terminal 2 do aeroporto Charles de Gaulle de París ou a experiencia de realidade virtual sobre a cultura coreana no aeroporto de Incheon en Seúl.

O aeroporto de Lavacolla é ademais outro referente simbólico de importancia capital: a conexión coa diáspora galega en Europa e alén mar e tamén a vía de entrada e saída dos millóns de visitantes que nas últimas décadas se achegaron a visitar e coñecer Compostela. Marta Lois lembrou os datos récord en número de pasaxeiros e pasaxeiras en Lavacolla, superándose os 2.500.000 en 2016.

Compartir: