ESPAZOS CIDADÁNS

Jorge Duarte reúnese coa veciñanza de Vista Alegre para explicar o estado das obras do barrio

18/01/2017 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade reunirase esta tarde coa veciñanza de Vista Alegre para dar conta da situación na que se atopan as obras que se están executando no barrio. A xuntanza será no local social, a partir das 20:00 horas.

Jorge Duarte reiterou que "o Goberno non ten ningunha intención de modificar o proxecto previsto no que ten que ver coas terrazas", pero aclarou que hai factores externos que obrigan a algúns cambios. Así, o concelleiro de Espazos Cidadáns lembrou que un informe desaconsella demoler algunhas terrazas na rúa Santa Comba, "porque iso afectaría á seguridade estrutural dos inmobles". Ademais, sinalou que no caso da rúa de San Xoán non se formalizou a cesión dalgunhas das terrazas por parte dos seus propietarios, e esa é unha condición indispensable para acometer a actuación.

Prazos das obras
Jorge Duarte recoñeceu que as obras de Vista Alegre "están nun dos momentos máis molestos para a veciñanza, porque na rúa de Santa Comba estanse cambiando as redes de subministro, unha actuación que rematará a próxima semana". Segundo os prazos manexados polo concelleiro de Espazos Cidadáns, no próximo mes rematarán os traballos na rúa Bispo Diego Peláez. O punto máis problemático a día de hoxe é a zona do túnel de Santa Comba, onde está pendente de aprobación un proxecto modificado. Cando se cumpra este trámite, as obras terán un prazo de tres meses.

Compartir: