DEPORTE

Santa Isabel acolle este sábado a Concentración de Escolas Galegas de Rugby, na que participarán preto de 300 escolares

16/01/2017 A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou esta mañá a Concentración de Escolas Galegas de Rugby que se celebrará este sábado 21 de xaneiro no Pavillón de Santa Isabel. Na rolda estivo acompañada polo presidente e vicepresidente da Asociación Valentes, Diego Pagnotta e Fernando Pérez, e por Esperanza Fernández, nai e adestradora.

Noa Morales destacou "os beneficios do rugby, que aínda que é un deporte minoritario, está a ser o que máis crece en termos porcentuais e relativos, con preto dun crecemento do 400%". Para a concelleira, resulta fundamental ademais "que teñamos esta fin de semana en Compostela a preto de 300 nenos e nenas de diferentes puntos de Galiza, que se concentran ademais pola paixón que comparten nun deporte como o rugby".

Compañeirismo e non competición
Está previsto que os encontros se celebren entre as 11:00 e as 14:00 horas, despois dos cales haberá o tradicional "terceiro tempo", no que os rapaces e rapazas poderán compartir experiencias á marxe dos partidos. Fernando Pérez sinalou que "os encontros serán das categorías sub-6 a sub-12, que é o abano que inclúen as escolas de rugby". Ademais, haberá equipos de clubs mixtos, tanto mesturados en función das cidades como do sexo. "Está previsto que veñan nenos e nenas de Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, Lalín, Lugo, Ourense, Coruña, Ferrol, Santiago e incluso de Navia".

Pola súa banda, Isabel Fernández fixo fincapé na "cada vez maior penetración que ten este deporte entre as nenas" e puxo o foco "nos valores que se ensinan no rugby, baseados na amizade, na fraternidade e no respecto tanto aos compañeiros como ao árbitro".

Finalmente, Diego Pagnotta reiterou o agradecemento ao Concello por sumarse a esta iniciativa con todas as cuestións loxísticas e lembrou que "estes encontros permiten que os nenos e as nenas xoguen xuntos cando menos unha vez ao mes".

Compartir: