CONVIVENCIA

A Policía Local instala un parque infantil de tráfico no recinto feiral de Amio

13/01/2017 O vindeiro luns, 16 de xaneiro, comezará a funcionar o parque infantil de tráfico que a Policía Local instalou no recinto feiral de Amio, dentro do seu programa de seguridade viaria Móvete seguro con Moito Olliño. O alumnado de 6º de Primaria do CEIP Lamas de Abade será o primeiro en probar as instalacións. Vinte colexios de Compostela participarán no programa.

Nesta edición, o módulo práctico no parque infantil de tráfico desenvolverase na mesma xornada que o modulo teórico. Esta instalación permite que os nenos e nenas adquiran comportamentos seguros e responsables, tanto como condutores coma no seu papel de peóns. Para iso, en Amio reprodúcense situacións que se poden atopar na rúa, e os rapaces e rapazas teñen que afrontalas poñéndose no papel de condutores, ciclistas ou peóns. Outros/as exercen de controladores, para vixiar que os seus compañeiros e compañeiras respecten os semáforos, os sinais e os pasos de peóns.

A rapazada que nestes días pase por Amio tamén poderá participar nun obradoiro teórico-práctico sobre bicicleta, onde se lles ensina cal debe ser a posición correcta para ir en bicicleta, calcular o tamaño axeitado á súa altura ou como colocar o casco.

O parque infantil de tráfico permanecerá en Amio ata o 17 de febreiro.

Compartir: