EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O concelleiro de Educación visitou as obras de mantemento realizadas no CEIP Monte dos Postes

12/01/2017 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, visitou esta mañá o CEIP Monte dos Postes para comprobar o resultado das obras realizadas durante este Nadal, que incluían obras de mantemento e de acondicionamento da biblioteca do centro.

Na visita estivo acompañado por persoal do Monte dos Postes e polo seu director, Fernando Vieito. Manuel Dios indicou que "con estas obras cumprimos o compromiso adquirido para dotar ao colexio Monte dos Postes dunha biblioteca digna". Trátase dun espazo de preto de 200 metros cadrados, que triplica o tamaño da que tiñan previamente e na que se fixeron diversos traballos.

O concelleiro engadiu que comprende "a inquedanza e a preocupación de centros, equipos directivos e comunidade educativa de atender as necesidades dos colexios" e reiterou os compromisos adquiridos dende o Departamento, con obras que sempre se realizan durante as vacacións escolares para evitar molestias aos nenos e as nenas.

O director do centro explicou polo miúdo en que consistiron as obras, nas que non só se ampliou a capacidade da biblioteca, senón que tamén se nivelou o chan para ter un único espazo, colocouse tarima flotante, procedeuse ao limado e pintado das paredes e á instalación de internet. Fernando Vieito agradeceu a disposición do Concello e sinalou a biblioteca como o lugar central sobre o que pivotará a vida do centro e que se comezará a usar de forma máis intensiva a partir do curso que vén.

Plan de Mantemento
As obras realizadas neste e noutros centros enmárcanse dentro do Plan de Mantemento dos centros públicos de Compostela, cunha partida de 400.000 euros durante o ano 2016 que se incrementará ata os 460.000 para o 2017. Este plan permite actuar de maneira eficaz e instantánea nas necesidades máis urxentes dos colexios. Ademais, o concelleiro de Educación e Cidadanía mantén contacto permanente cos equipos directivos para que lle trasladen as obras que consideran máis prioritarias para poder ir acometéndoas con cargo a este orzamento.

Plan Director
Manuel Dios sinalou ademais que para este ano 2017 incorporarase no orzamento unha partida de 100.000 euros para a realización do Plan Director de centros. A partida será anual durante todo o mandato e inclúe asuntos coma o pintado, o saneamento, a humanización e a eficiencia enerxética… O concelleiro destacou que "permitirá abordar moito mellor as necesidades dos centros en relación aos anos anteriores".

Compartir: