CONSORCIO

O Consorcio remata a obra de eliminación de humidades na escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego

11/01/2017 O Consorcio de Santiago vén de rematar a obra de eliminación de humidades que afectaban á escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego. O orzamento global desta intervención ascendeu aos 44.165 euros.

A actuación centrouse na torre situada no ángulo noroeste do Convento de San Domingos de Bonaval, que alberga no seu interior a extraordinaria escaleira barroca helicoidal de tres corpos deseñada por Domingo de Andrade. "Producíanse filtracións da auga da chuvia ao interior, procedentes do encontro dos seus muros coa cuberta e das propias xuntas do mamposto. Así, recebáronse os muros que conforman o buque da escaleira, tanto polas superficies interiores como, especialmente, polo exterior", explica a arquitecta do Consorcio Idoia Camiruaga, coordinadora deste proxecto.

No interior da torre, o cilindro estaba revocado cun revestimento de cemento na meirande parte da súa superficie e de cal nalgunhas das partes altas. O revestimento estaba, en xeral, en bo estado na parte inferior pero con aparición de humidades a medida que se ascendía. A parte baixa dos muros non estaba recebada e a humidade era patente en toda esta superficie situada baixo as ramplas helicoidais, no seu arranque. A dispersión da humidade no interior parecía ser debida a filtracións de auga a través dos paramentos verticais, que, na parte baixa, ao perderen as revocaduras, perderan tamén a súa protección fronte á auga da chuvia e de capilaridade dende o terreo. Estas humidades provocaban o desprendemento da revocadura interior e a degradación do aspecto da fábrica.

Así, elimináronse as revocaduras interiores nas zonas nas que foi necesario, especialmente na parte alta do buque da escaleira e fíxose unha revocadura de saneamento na zona interior do buque. Ademais, realizouse un pintado final con pintura mineral que permite o paso do vapor de auga.

Protección das monteas
Por outro lado, "principalmente no pavimento, no arranque da escaleira, atópanse as monteas (debuxos ou trazas que servían como guía á hora de tallar cada pedra), únicas en Galicia, que realizaron os canteiros para levantala. Debido ao tránsito de visitantes, que pisan sobre as lousas que as conteñen, e á limpeza cotiá, sufrían un forte desgaste, de xeito que as monteas que aínda se conservan acabarán por desaparecer, no caso de que non se tomen medidas de protección", salienta Camiruaga.

Para evitar o tránsito sobre as monteas, fíxose unha plataforma de paso lixeiramente elevada, de maneira que os transeúntes saiban onde pisar e poidan apreciar, ao mesmo tempo, as vellas trazas sen provocar a súa destrución.

Actuacións no exterior
Dende a Oficina Técnica do Consorcio indican que, polo exterior, aínda que o estado da pedra era bo, existía colonización de plantas en toda a superficie, polo que se limparon as fachadas, ás que logo se lles aplicou unha revocadura de cal e se pintou finalmente cunha pintura mineral. "Esta revocadura seguiu as trazas da que tivo noutros tempos. Os edificios de grande arquitectura, estaban, en xeral, revocados e non rematados coa pequena pedra de cachotaría -espidos-, como quedaron tralas intervencións da primeira metade do século XX", explica Camiruaga. Tamén se eliminou a vexetación da cuberta e substituíronse as tellas en mal estado.

As carpinterías e a reixa do balcón da torre precisaban traballos de reparación e repintado. Ademais, o sistema de peche da porta de acceso ao balcón, na fachada oeste, provocara a rotura do lintel, que se reparou.

Compartir: