POLÍTICAS SOCIAIS

A XII edición do "Implícate" traerá unha noite de música, danza e palabra solidaria a Compostela

04/01/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, presentou a XII edición de Implícate. Noite de música e palabra solidaria, un evento organizado por Implicadas para o Desenvolvemento. Na rolda estivo acompañada de Monti Castiñeiras e Yolanda Castaño, presentadores da gala, e por Susana Aríns, membro da Xunta Directiva da entidade.

Este festival solidario reunirá sobre o escenario a artistas do mundo da danza, do teatro e da literatura a partir das 20:30 horas. Presentado por Yolanda Castaño e Monti Castiñeiras, este ano contará coa participación de artistas como Nacho Vegas, De Vacas, IGMIG, Marián Bañobre e Rober Bodegas; poetas como Eli Ríos, Gonzalo Hermo, O Leo ou Margarida Ledo e a bailarina Clara Ferrao Diz.

Concha Fernández destacou que "o Implícate. Noite de música e palabra solidaria serve para dar a coñecer a filosofía de traballo de Implicadas, os seus proxectos de cooperación ao desenvolvemento que está a levar en comunidades do Sur e as actividades de concienciación que realiza Implicadas no ámbito galego". As artistas colaboran de xeito desinteresado e os cartos recadados destínanse integramente a financiar os proxectos de cooperación que a organización está a desenvolver na India: a erradicación do infanticidio feminino en Salem e o empoderamento de mulleres en Tiruchy.

Implicadas no Desenvolvemento é unha organización crítica e feminista de cooperación ao desenvolvemento fundada en 1998 que basea o seu traballo na procura da igualdade de xénero como alicerce para o desenvolvemento humano perdurable.

As entradas poden adquirirse en entradas.abanca.com o na billeteira do Teatro Principal e teñen un prezo de 12 euros.

Documentos relacionados



Compartir: