MOBILIDADE

Logrado o consenso sobre o Pacto pola Mobilidade

28/12/2016 Preto de medio cento de representantes de colectivos veciñais, empresariais e de comerciantes; e dos grupos políticos da Corporación municipal acadaron onte o consenso sobre o Pacto Local pola Mobilidade. Foi nunha reunión presidida polo concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, que lle puxo fin a meses de traballo para redactar o documento que agora terá que ser aprobado polo Pleno. O propio edil deu conta este mércores en rolda de prensa das conclusións da xuntanza.

O Pacto Local pola Mobilidade ten como obxectivo establecer o mellor modelo posible de mobilidade para a cidade e para o rural de Compostela. As persoas e entidades que participaron no proceso coincidiron en que "o modelo actual é insostible social e ambientalmente, e non responde ás demandas de mobilidade alternativa". Nesa liña, o documento tratou de apostar por unha mellora da calidade de vida da cidadanía e pola recuperación do espazo público para usos sociais e de convivencia; por unha cidade accesible, saudable e ecolóxica; e por uns espazos públicos máis seguros, tanto nos viarios de circulación como nos espazos para os peóns.

Circulación e estacionamento
Unha das liñas temáticas do Pacto Local pola Mobilidade ten que ver coa circulación e o estacionamento, e de feito no proceso de elaboración do documento celebrouse un plenario dedicado a analizar a situación actual e as posibilidades de mellora. Segundo o texto final aprobado onte, o obxectivo debe ser acadar unha presenza equilibrada e racional do vehículo privado dentro da cidade, garantindo a fluidez na circulación, unhas dotacións suficientes de aparcamento, a seguridade viaria e a calidade do aire.

Para conseguir iso, o Pacto Local pola Mobilidade aposta por promocionar os aparcamentos de borde, establecer medidas que reduzan o tráfico de paso pola cidade en prol do tráfico de residentes e de carga e descarga; e por implantar medidas de índole fiscal e tarifaria que incrementen proporcionalmente as taxas por circular e estacionar os automóbiles de maior tamaño, cilindrada e consumo enerxético.

Ademais, o documento prevé a redución da velocidade media, fixando os 30 quilómetros/hora como velocidade máxima xeral na cidade, aínda asumindo que en determinadas vías se puidera chegar aos 50.

Transporte colectivo
Outro dos plenarios celebrados durante o proceso de elaboración do Pacto Local pola Mobilidade estivo dedicado ao transporte colectivo, e as súas conclusións tamén foron incorporadas ao documento. Así, recóllese a necesidade de deseñar unha rede de transporte de calidade e fiable para o usuario, para un servizo no que se reduza o tempo de estancia en parada dos autobuses, e no que se contemplen posibles servizos de transporte á demanda en áreas do municipio con baixa densidade de poboación.

O Pacto Local pola Mobilidade tamén recomenda priorizar o espazo público dedicado ao transporte colectivo en detrimento do vehículo privado, a través de plataformas e carrís reservados para autobuses, priorización de cruces ou modificación de ciclos semafóricos.

Modos brandos de transporte
O terceiro eixo sobre o que pivota o Pacto Local pola Mobilidade son os modos brandos de transporte, como os desprazamentos peonís ou as bicicletas, que deben ser priorizados sobre os modos convencionais. Para iso, desenvolveranse itinerarios peonís accesibles, cómodos e seguros; e executaranse medidas para mellorar a accesibilidade.

Tamén se aposta por desenvolver plans ciclistas, aumentar o número de unidades de aparcamentos para bicicletas e executar medidas que aumenten a seguridade dos ciclistas. A mobilidade eléctrica é outro dos retos do Pacto Local pola Mobilidade, que contempla a posta en marcha de plans de investimento para a incorporación de vehículos eléctricos nas empresas municipais de transporte e nas flotas de vehículos municipais.

Proceso participado
O Pacto Local pola Mobilidade é o resultado dun proceso de consulta e participación cidadá a través do sitio web aloxado no portal municipal e das reunións con diversas entidades e expertos celebradas ao longo do último ano. Celebráronse, en concreto, tres plenarios, nos que participaron a práctica totalidade das asociacións veciñais de Compostela, as asociacións de comerciantes, representantes de colexios profesionais, asociacións de taxistas, colectivos de ciclistas e membros de todos os grupos da Corporación municipal.

Documentos relacionados



Compartir: