XUNTA DE GOBERNO

Unha nova sentenza do TSXG obriga ao Concello a pagar o IVE do parque comarcal de bombeiros de Salgueiriños

23/12/2016 A Xunta de Goberno deu conta hoxe dunha nova sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que estima parcialmente o recurso de apelación interposto por Extraco, a empresa construtora do parque de bombeiros de Salgueiriños, contra a sentenza ditada no pasado 29 de xuño que lle obriga ao Concello a pagarlle máis dun millón de euros pola parte da obra executada.

O TSXG volve agora a darlle a razón á construtora, que reclamaba o abono do IVE correspondente a esa cantidade. O alcalde, Martiño Noriega, explicou que queda pendente de aclarar se ese pago "se calcula co tipo do 18% de IVE que estaba vixente cando o Concello acordou a liquidación coa empresa, ou co 21% vixente na actualidade". O rexedor confesou non ser moi optimista ao respecto e temer que o cálculo se faga co 21%, "de xeito que o Concello tería que pagarlle a Extraco 213.000 euros a maiores".

No ano 2008, o Concello advertira un desfase entre o proxectado e o executado no parque de bombeiros de Salgueiriños, e acordou coa empresa a resolución do contrato e unha liquidación que superaba o millón de euros. Catro anos despois, en 2012, non se dera ningún paso para abonar esa cantidade a Extraco, que decidiu recorrer aos tribunais. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deulle a razón en xuño de 2016 e ditaminou que o Concello debe pagarlle á empresa 1.018.000 euros. Agora, o TSXG obriga a sumar a esa cantidade a correspondente ao IVE.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: