TURISMO

Compostela súmase ao 150 aniversario de Valle-Inclán cun paseo guiado e cunha lectura de fragmentos seus sobre a cidade

23/12/2016 A concelleira de Turismo, Marta Lois, acompañada do director do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, Antonio González; o neto do escritor, Xaquín del Valle-Inclán; e a directiva do Ateneo, Pilar Sampedro, presentou no Pazo de Raoxi unha xornada de actividades dedicada ao 150 aniversario do nacemento de Ramón María del Valle-Inclán, que terá lugar o 28 de decembro.

A xornada comezará ás 17:00 horas na estatua do escritor no Paseo dos Leóns da Alameda, onde partirá unha visita aos lugares da súa vida e da súa obra, tan vinculadas con Santiago. A continuación, ás 19:00 horas, o Café Casino -o histórico recinto onde o mozo Valle-Inclán recibiu clases de esgrima- acollerá unha lectura pública comentada de fragmentos sobre Compostela, conducida por Xaquín del Valle-Inclán e González Millán. Ambas actividades son de balde para 25 persoas.

Ramón María del Valle-Inclán pasou diferentes períodos da súa vida en Santiago. Na súa mocidade estudou na Universidade de Santiago e aquí publicou os seus primeiros traballos literarios, na revista Café con gotas. En Santiago tamén pasou os últimos meses da súa vida, ata que faleceu o 5 de xaneiro de 1936. Os seus restos están no cemiterio de Boisaca.

Na súa obra atópanse máis de cincuenta referencias a Santiago e lugares concretos da cidade, como a Catedral, a Alameda, as rúas do Casco Histórico, a praza da Quintana, a Colexiata de Sar, o convento de San Paio de Antealtares, a Feira de Santa Susana… e mesmo o Café Derby, onde tivo a súa tertulia nos últimos meses da súa vida, que pasou ingresado no Sanatorio do doutor Manuel Villar Iglesias.

Nova ruta turística
Ademais, con motivo da celebración do 150 aniversario do nacemento de Valle-Inclán, Turismo de Santiago, o Museo de Valle-Inclán e o Ateneo colaboran na creación da "Ruta Valle-Inclán por Santiago de Compostela, Rosa Mística de pedra", unha ruta cultural e turística que permite coñecer a cidade a través da vida e da obra de Valle-Inclán, intimamente vinculadas a Santiago de Compostela. Esta ruta recollerase nun folleto que está elaborando o propio Museo Valle-Inclán.

O nome do folleto recolle unha das referencias a Santiago máis coñecidas da súa obra, que se pode ler no seu texto La lampara maravillosa, onde describe a cidade como unha "rosa mística de piedra, flor románica y tosca, como en el tiempo de las peregrinaciones conserva una gracia ingenua de viejo latín rimado".

Compartir: