EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A Banda e a Bandiña da EMM ofreceron un concerto interxeracional ás persoas participantes no programa do IV Ciclo da USC

21/12/2016 O salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación, acolleu este martes un concerto interxeracional no marco do Programa Universitario de Maiores do IV Ciclo da USC. Esta actividade é froito do convenio de colaboración asinado en decembro de 2015 entre o Concello e a USC para a realización de actividades no ámbito da educación non formal e de convivencia.

O obxecto deste convenio é promover que o alumnado do Programa Universitario de Maiores (IV Ciclo) dos Campus de Lugo e Santiago, participe da oferta educativa do Departamento de Educación e Cidadanía e doutros servizos municipais con programas transversais de interese para este colectivo.

O Programa Universitario de Maiores do IV Ciclo, que está aberto ás persoas maiores de 50 anos, puxo en marcha un programa de actividades formativas e culturais que teñen por finalidade a aprendizaxe e a interdisplinariedade no ámbito da educación formal e non formal. Ten interese en fomentar a participación cidadá no municipio de Santiago a través da oferta que o Departamento de Educación e Cidadanía e doutros servizos municipais posúe.

En desenvolvemento do devandito convenio de colaboración, desenvolveuse no salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación unha nova actividade organizada polo Programa Universitario de Maiores do IV Ciclo, a Comisión Académica de Cultura da Facultade de Ciencias da Educación e o Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago. Nesta ocasión foi a Escola Municipal de Música a que desenvolveu un Concerto Didáctico Interxeracional, no que dúas agrupacións, a Banda e a Bandiña, cos seus directores á fronte, Fernando Rey e Oscar Fernández, acompañados de profesorado de reforzo nas seccións de percusión (Antonio Ocampo e Victor Collazo), ofreceron ao alumnado do IV Ciclo un repertorio musical resultado do traballo que o alumnado de idades tan diversas veu desenvolvendo nos últimos meses.

Ao inicio da sesión, o concelleiro de Educación, Manuel Dios; o vicerreitor de Oferta Docente e Innocación Educativa, Roberto J. López; e o vicedecano de Estudantes, Mobilidade e Cultura da USC, Martín Leránoz, dirixíronse ao público asistente, alumnado dos campus de Santiago e de Lugo, para expresar os seus parabéns por este tipo de iniciativas, que enchen de contido o desexo de formación continua das persoas maiores matriculadas no programa, reforzan a convivencia e permiten a realización persoal en ámbitos diferentes da educación e da cultura. Ademais, felicitaron polo seu traballo neste eido aos responsables do Programa de Maiores do IV Ciclo, as profesoras Esther Olveira e Belén Seijas, así como aos técnicos/as do Departamento Municipal de Educación.

Compartir: