MOCIDADE E POLÍTICAS SOCIAIS

Futbolín, cine, breakdance ou actuacións de grupos locais, algunhas das propostas deste Nadal para a mocidade de Compostela

21/12/2016 As concelleiras de Mocidade e de Políticas Sociais, Noa Morales e Concha Fernández, presentaron en rolda de prensa as actividades de ocio saudable previstas polos seus departamentos no marco da programación de Nadal. Na rolda estiveron acompañadas por representantes das asociacións organizadoras Vella Escola, Itaca e Desordes Creativos.

A concelleira de Mocidade destacou que "estas actividades seguen a amosar que a programación de Nadal deste ano é sumamente plural e transversal, dirixida tamén á xente moza de Compostela". Pola súa banda, Concha Fernández engadiu que "o que pretendemos con elas é fomentar un ocio saudable entre a xente máis moza".

Así, entre as actividades propostas destacan o Santiago Street Battles, o Boas Noites no Nadal, as actuacións de grupos locais polas rúas de Compostela, o Festival de Muralismo cos seus obradoiros, o Campionato de Futbolín e o Cine Espallado.

Santiago Street Battles
Área Central acollerá a quinta edición do Santiago Street Battles, Campionato Open de España de Breakdance e Beatbox que se celebra cada ano en Compostela. Nesta ocasión contarase coa participación de competidores de diferentes puntos do Estado e o estranxeiro, incorporando novas modalidades de exhibición coma o parkour e continuando coas mostras de graffiti profesional.

Este ano, o evento contará cunha nova modalidade de competición que leva por nome Beatbox Battle 1vs1, que terá lugar na pista principal alternando as eliminatorias do torneo de breakdance en horario de 16:00 a 21:00 horas. A inscrición é gratuíta e estará aberta ata o día previo ao evento, é dicir, mañá xoves ás 23.59 horas). Poderá formalizarse, ben mediante o envío dun correo electrónico a vellaescola.culturaurbana@gmail.com ou ben a través da web www.santiagoSB.com.

O torneo de breakdance irá acompañado dunha exhibición de graffiti profesional sobre un mural de 9 metros e sobre un coche cedido pola empresa Trameve. Habilitarase tamén un espazo para a práctica do parkour que levará por nome Parkour Park Móvil, con regalos para os e as participantes, doados por Ideas de Percebe e Vigo Street Stunts.

Ao tratarse dun campionato, haberá premios. A organización entregará medallas elaboradas por MakerGal 3D aos vencedores e vencedoras do torneo, ademais dun 1º e 2º premio en metálico de 500 e 200 euros respectivamente, e un 3º composto por un lote de roupa cedido por Brothers & Sisters Vintage Store. Na modalidade de beatbox serán un 1º premio de 250 euros, un 2º de 100 e un 3º composto por un lote de roupa cedido por Cultura Urbana Shop. Ademais, haberá un premio especial á mellor intervención do evento para ambas modalidades (doado por Swäh).

O evento está organizado por Vella Escola en colaboración co Concello de Santiago e o Centro Comercial Área Central.

Boas Noites no Nadal
Boas Noites no Nadal é unha actividade recuperada este ano grazas ao proceso de Orzamentos Participativos do 2015. Son un total de catro actividades previstas para este Nadal.

Así, Ao pé do lume achéganos contos, maxias e músicas o xoves 22 de decembro ás 21:00 horas. Xuntarnos arredor da caloriña do lume, acariñar o corpo cunha cunca de caldo e alimentar os sentidos con contos e músicas que viaxan a través dos tempos. E compartir. É aí onde se crea a maxia. Co prestidixitador de oboes e naipes Benxa Otero e Celso F. Sanmartín, mago das palabras.

Improperio DF é a proposta para este venres 23, ás 21:00 horas, da man de Triateros Grupo de Teatro. É un espectáculo de improvisación teatral acompañado de música en directo. A peza presenta a tres representantes políticos de Improperio Distrito Federal que pretenden "colonizar" ao público asistente mostrando, mediante xogos de improvisación, as "diferencias" da nosa sociedade. Este é un espectáculo fresco e divertido onde a participación do público é crucial, xa que será quen decida de que tratará cada escena.

A terceira actividade é Nabiza girl, o xoves 29 de decembro ás 21:00 horas, con Isabel Risco. Finalmente, preparouse un Fin de Ano adiantado con Os da Ría, o 30 de decembro ás 21:00 horas. Será no Centro Xove da Almáciga.

Campionato de Futbolín
Este Nadal tamén haberá un Campionato de Futbolín, co que se pretende achegar este xogo aos centros socioculturais e non aos bares e salas de xogo, como é habitual, fomentando así o ocio saudable. Durante catro semanas, comezando xa a pasada en Marrozos, rotarán dous futbolíns por catro centros culturais do Concello, dous periféricos (Bando e Marrozos) e outros dous centrais, Conxo e Santa Marta.

Durante a semana, os futbolíns estarán para o uso libre dos rapaces e rapazas que queiran xogar e os mércores e venres de cada semana terán unha clase maxistral impartida por dous campións de futbolín de ámbito estatal que ensinarán os seu trucos. O último día da semana farase unha liga coas distintas parellas que participen. Serán do 20 ao 23 de decembro no CSC de Santa Marta, do 27 ao 30 de decembro no CSC de Conxo e do 2 ao 17 de xaneiro no CSC de Bando. Todos eles en horario de 16:00 a 21:00 horas. Todos os mércores e venres haberá unha clase maxistral de 20:00 a 21:00 horas.

Cine Espallado
O proxecto Cine Espallado pretende recuperar o concepto de cinema de barrio, de praza, de local social, un cine que incremente a comunicación entre os veciños e veciñas do concello entorno á cultura. Así, en cada sesión, unha persoa emblemática do noso concello levará unha película, unha experiencia á veciñanza dalgún lugar de Santiago de Compostela propoñendo un coloquio por medio dunha proxección dun filme. Coa realización deste cine preténdese dar un pouco de vida cultural a emprazamentos descoñecidos por moita xente da cidade e dar a coñecer o rural compostelán.

O Cine Espallado comeza hoxe mércores en Amio, a partir das 18:00 horas, coa película Eduardo Manostijeras. O xoves seguirá en Vite con Donkey Xote, e o venres en Santa Marta con Nocturna. A programación continúa mércores 28 na Trisca co filme Benvidos a Belleville, o xoves 29 no Ensanche con Zootrópolis e o venres 30 nas Fontiñas con A Tropa de Trapo. As últimas dúas sesións serán en Conxo (3 de xaneiro), coa proxección de O Principiño, e na Casa Agraria de Meixonfrío, (4 de xaneiro), con A invención de Hugo.

Muralismo
O Festival de Muralismo comezou a mediados do mes de decembro no Centro Sociocultural de Vite e segue a celebrarse no de Fontiñas. Por el pasaron arredor de 25 mozos e mozas con coñecemento previo en graffiti e muralismo.

Esta actividade de muralismo continuará coa elaboración de catro grandes murais, de artistas recoñecidos, en diversas zonas da cidade. Tres deles serán en centros educativos, coa finalidade de aproximar esta forma concreta de ocio aos mozos e mozas. Con estes grandes murais preténdese facer ver que o muralismo e os graffitis, realizados dun xeito determinado, teñen potencial como ocio saudable e ocio cultural de alto valor.

Bandas locais
Mañá 22 e o vindeiro xoves 29, a mocidade terá a oportunidade de gozar da actuación de catro bandas locais (dúas por día). Mañá coa actuación de Catro Ghatos e Hellorice, ambas de rock. Esta última ademais foi a gañadora do premio MúsicaXove. O xoves 29 con Inmates e Monrovia, bandas de grunge con toques de metal. "Todas as bandas -destacou Noa Morales- son bandas de Compostela formadas por persoas menores de 23 anos".

Un animal, unha responsabilidade
Finalmente, o mércores 28 de decembro, no CSC de Santa Marta, e o xoves 29, no CSC de Vite, ás 11:00 horas ambas, realizarase unha charla sobre a tenencia responsable de animais baixo o lema "Un animal non é un xoguete".

Compartir: