ALCALDÍA

Martiño Noriega recibe o xerente de Aeopas

21/12/2016 O alcalde recibiu hoxe o xerente da Asociación Española de Operadores Públicos de Abastecemento e Saneamento (Aeopas). Martiño Noriega e Luis Babiano falaron das expectativas que se abren en Santiago, onde a actual concesión do servizo da auga finaliza en 2019.

O alcalde explicou que o Concello de Santiago vén mantendo contactos con Aeopas porque "mantemos a vontade política de municipalizar o servizo da auga, sempre que vexamos que iso é viable". Iso si, Martiño Noriega insistiu en que o Goberno "non quere xerar falsas expectativas, só traballar con seriedade porque o proceso de municipalización é longo e complexo". Nesa liña, o rexedor recoñeceu que o horizonte temporal "viabiliza o reto", xa que a actual concesión do servizo da auga non remata ata 2019.

O xerente de Aeopas insistiu tamén en que "non se pode repensar a relación coa concesionaria da auga sen ter antes todos os informes técnicos". Para Luis Babiano, "en Santiago danse as escalas suficientes para que a municipalización sexa posible, pero iso terá que demostralo un estudo de viabilidade, como marca a lei".

Aeopas é unha asociación composta por 57 empresas públicas de auga e saneamento, así como por varios concellos. Galicia está representada nesta entidade polo Concello de Ferrol e a Empresa Municipal de Augas da Coruña.

Compartir: