LINGUA

Nanube, Miranda Priestly e a editorial Alvarellos, Premios Manuel Beiras

14/12/2016 O Salón Nobre do Pazo de Raxoi acolleu o acto de entrega dos Premios Manuel Beiras de recoñecemento ao uso do galego no ámbito empresarial. O alcalde, Martiño Noriega, e o vicepresidente da Cámara de Comercio, Evaristo Rodríguez Carracedo, deran a coñecer este mediodía a decisión do xurado nesta XVII edición dos galardóns, convocados conxuntamente polo Concello e a entidade cameral.

Na categoría de empresas cun uso continuado do galego, a distinción foi para Nanube, un estudo de interiorismo especializado en proxectos para locais. O xurado salientou que a empresa leva o galego dun xeito coherente a un ámbito onde aínda ten escasa presenza, e faino cun esforzo por coidar a calidade terminolóxica e o detalle dende o seu dominio nas redes, onde optou xa pola visibilidade do .gal, ata a documentación interna e de xestión.

Na categoría de nova incorporación ao galego, acordouse distinguir á empresa Miranda Priestly S.L., que por unha parte se dedica á alta costura e, por outra, edita a revista Coralia. O xurado valorou a valentía dun proxecto editorial de moi alta calidade, cun contido que habitualmente non é tratado na nosa lingua, que exerce de motor para galeguizar a comunicación doutras empresas e que nos coloca sen complexos no plano internacional.

Por último, o xurado acordou conceder a distinción especial do Premio Manuel Beiras á Editorial Alvarellos, que foi quen de achegar unha importante contribución cultural durante case catro décadas e incorporar as novas xeracións. O xurado valorou tamén o seu vínculo coa cidade e a calidade das súas producións, mantidas e impulsadas con iniciativas que achegan o libro á poboación lectora e que saben pescudar no pasado para convertelo en coñecemento útil e interesante no presente.

Vontade de impulsar os premios
Tanto o alcalde como o vicepresidente da Cámara de Comercio salientaron que nesta edición se fixo unha aposta por relanzar os Premios Manuel Beiras e darlle unha maior visibilidade. Para iso, púxose en marcha unha campaña de divulgación, na que se tratou de potenciar a figura de Manuel Beiras, co lema "Ti ben sabes o que importa", en alusión ao pseudónimo "Eu ben sei", que utilizaba Beiras nos seus artigos e publicacións. Martiño Noriega mostrouse convencido de que "este impulso tivo que ver no incremento de candidaturas para os premios, un total de 30 nas distintas categorías".

Ademais, o alcalde puxo o acento en que "as empresas entre as que tivo que elixir o xurado eran de sectores moi distintos, non só do ámbito cultural co que normalmente se asocia o uso da lingua, e fan emprego do noso idioma porque están convencidos da súa utilidade dende o punto de vista económico, e non só por cuestións ideolóxicas".

Compartir: