MEDIO AMBIENTE

Novos obradoiros no CIAC sobre consumo responsable e cultivos ecolóxicos

05/12/2016 O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC), situado no parque de Belvís, continuará este mes de decembro traballando en torno ao consumo responsable, co obxectivo de cambiar hábitos e mellorar o mundo que nos rodea. Haberá un obradoiro de cultivo sustentable e outro de xoguetes con refugallos, ademais dunhas xornadas sobre sistemas agroecolóxicos.

O sábado 10 e domingo 11 de decembro, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas celebrase un Obradoiro de cultivo sustentable dentro do Proxecto Metamorfose. Neste taller teórico-práctico abordarase a agroecoloxía e a permacultura como propostas de cambio. Por medio de charlas introdutorias á agricultura ecolóxica urbana, a xardinería ecolóxica e á permacultura, estimularase o uso das hortas urbanas e a consecución de alimentos de calidade e sostibles.

Das charlas encargaranse Miguel Díaz Varela (agricultura ecolóxica), Burbullas de Sol (xardinería ecolóxica) e Alfóns Marqués, de Xixirin (permacultura). As sesións complementaranse cunha actividade nunha plantación de aromáticas e cunha práctica sobre o terreo na que se preparará un bancal. A participación é de balde, pero é preciso inscribirse, deixando os datos persoais no seguinte correo: metamorfosedehabitos@gmail.com.

Xornadas sobre os SPG
A programación de decembro do CIAC continuará os mércores 14 e 21 de decembro, de 17:30 a 20:30 horas coas xornadas Os Sistemas de Participación de Garantías (SPG). Construímos confianza nos sistemas agroecolóxicos. Nestas dúas sesións traballarase dunha maneira dinámica sobre circuítos curtos de comercialización (CCC) e sobre os SPG.

Estes sistemas abren a porta á implicación directa das persoas consumidoras, que comparten a responsabilidade de construír un modelo de alimentación local, baseado en relacións de confianza e orientado á xustiza social. Esta actividade tamén é gratuíta, pero con inscrición a través do teléfono 981 543 145 ou do correo electrónico ciac@santiagodecompostela.gal.

Obradoiro de xoguetes e roteiro
O sábado 17 de decembro, ás 12:00 horas, o CIAC acollerá un Obradoiro de xoguetes con refugallo. Os/as participantes aprenderán a facer xoguetes caseiros para que pequenas e pquenos poidan divertirse e xogar con eles. A actividade é de balde e os nenos e nenas deberán estar acompañados dunha persoa adulta.

A inscrición neste obradoiro realizarase a través do teléfono do CIAC (981 543 145) ou do seu correo electrónico (ciac@santiagodecompostela.org). O mesmo sucede co roteiro deste mes, que se celebrará o día 18 ás 12:00 horas, cunha camiñada polo parque de Belvís para descubrir a súa biodiversidade.

Compartir: