ACCIÓN CULTURAL

O Premio Antonio Fraguas alcanza a súa XXII edición na busca das mellores investigacións sobre o traxe

02/12/2016 A Asociación do Traxe Galego, coa colaboración do Concello e do Centro Comercial Compostela convocou a XXII edición do Premio de Investigación Antonio Fraguas sobre o Traxe Galego. Unha vez máis, premiaranse con 1.200 e 600 euros, respectivamente, os mellores traballos analíticos e descritivos sobre esta indumentaria.

A primeira tenente de alcalde, María Rozas, presentou esta nova edición do galardón e destacou o "orgullo" que para o Concello supón colaborar na recuperación de "algo tan propio da nosa cultura e tradición" coma o traxe. Ademais, agradeceu o labor que neste sentido realiza a Asociación do Traxe Galego, cuxa presidenta, Pilar Astray, estivo tamén na rolda de prensa. Ademais, a concelleira valorou a "sensibilidade" que El Corte Inglés (representada por Francisco Díaz) ten con esta iniciativa e co Día do Traxe Galego que cada ano se celebra no marco das Festas do Apóstolo.

O XXII Premio Antonio Fraguas fallarase nun acto previsto para o venres 16 de decembro, ás 20:00 horas, no salón nobre do Pazo de Raxoi. O xurado desta edición do Premio estará composto por Ana Blanco Gómez, da Fundación Rosalía de Castro; Xesús Ferro Ruibal, do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades; e Xosé Manuel González Reboredo, do Padroado do Museo do Pobo Galego.

Descritivos ou analíticos
Considéranse na modalidade de traballos descritivos aqueles que, recuperando traxes, especifican a materia con que están feitas as pezas, presenten patróns, medidas, onde se atoparon, onde están actualmente e de que época é cada unha das pezas analizadas, pero evitando elevar esas pezas ou eses traxes, sen máis documentación que a confirme e complemente, a categoría absoluta para unha terra ou unha época.

En cambio, estímanse traballos analíticos os que:

- Pescudan información sobre o traxe tradicional en: inventarios post-morten, na tradición oral, na iconografía (gravado, pintura, fotografía), na literatura, na lingüística e na fraseoloxía.

- Centran a investigación sobre: as crenzas e valores relacionados co traxe, na influencia que na indumentaria tiveron os poderes relixiosos, económicos e políticos, e sobre os aspectos sociolóxicos relacionados coa indumentaria tradicional, como a dos artesáns da nosa indumentaria (zoqueiros, costureiras, etc).

- Documentan a feitura dun determinado traxe, non só amosando e catalogando as pezas que o compoñen, senón tamén investigando quen foi o autor ou autora do mesmo, que técnicas de elaboración foron empregadas na transformación das materias primas e tamén na tecedura, nos adobíos e nos enfeites das mesmas.

Asociación do Traxe Galego
A Asociación do Traxe Galego é unha entidade cultural sen ánimo de lucro que, coa axuda dos seus máis de 300 socios, vén traballando dende distintas vertentes sobre o obxectivo xeral da promoción, dignificación e uso do noso traxe tradicional. Dende 1995, a Asociación promove anualmente o único premio de investigación sobre o traxe tradicional existente en Galicia.

Compartir: