XUNTA DE GOBERNO

O edil Xan Duro asume as delegacións de licenzas e disciplina urbanística

02/12/2016 A Xunta de Goberno aprobou hoxe a proposta de Alcaldía de deixar sen efectos as delegacións do concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, relativas ao exercicio da potestade sancionadora e á concesión de calquera tipo de licenzas. O alcalde, Martiño Noriega, explicou que deste xeito "se atendeu a solicitude realizada polo propio Jorge Duarte despois de recibir onte o auto no que é citado para declarar como investigado nas dilixencias previas abertas en relación a uns expedientes a locais de hostalería".

Esas competencias que viña exercendo o edil de Espazos Cidadáns serán asumidas agora polo concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro. O rexedor sinalou que esta decisión responde a que "moitas das sancións tramitadas no servizo de disciplina urbanística parten de actuacións da Policía Local, que xa xestiona agora o edil de Convivencia".

O alcalde aproveitou a súa comparecencia para "ratificar a confianza de todo o equipo de goberno no concelleiro Jorge Duarte". Martiño Noriega reiterou que o caso dos expedientes a locais de hostalería atópase no momento das dilixencias previas, e o concelleiro de Espazos Cidadáns prestará declaración como investigado despois de telo solicitado el mesmo por escrito ante a Fiscalía, tal e como explicou tanto nas súas roldas de prensa para falar deste asunto como na súa comparecencia no Pleno, a petición propia.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: