ESPAZOS CIDADÁNS

O concelleiro Jorge Duarte dá conta da situación do caso dos expedientes a locais

01/12/2016 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade compareceu hoxe en rolda de prensa para informar e dar conta do auto xudicial que o cita a declarar como investigado nas dilixencias previas abertas polo caso dos expedientes abertos a varios locais de hostalería.

Jorge Duarte explicou que está citado para declarar o próximo 15 de febreiro, pero é a súa vontade "solicitar un adianto desa comparecencia para aclarar este asunto o antes posible e que non afecte ao correcto funcionamento do departamento municipal". O edil insistiu en que estamos "na fase de dilixencias previas, e non supón en ningún caso a apertura de xuízo".

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade reiterou a súa vontade de informar directamente da marcha deste procedemento xudicial, "porque a miña máxima sempre foi a da transparencia, e por iso comparecín xa en rolda de prensa cando se empezou a falar deste caso e comparecín a petición propia no Pleno da Corporación".

Jorge Duarte tamén adiantou que esta mesma mañá lle solicitou ao alcalde "que traspase a delegación de licenzas e disciplina urbanística a outro concelleiro, para garantir o correcto funcionamento deste servizo e que o caso non interfira nas tramitacións que teña que realizar a cidadanía".

Compartir: