PATRIMONIO

As Cidades Patrimonio solicitan ante a FEMP maior financiamento para atender os seus cascos históricos

01/12/2016 A presidenta do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España (GCPHE), Elena Nevado, rexistrou esta semana unha petición ante a Federación de Municipios e Provincias (FEMP) na que se solicita que se teñan en conta as características especiais das 15 cidades que conforman o Grupo á hora de abordar as negociacións co ministerio de Facenda de cara ao novo Financiamento Local.

En concreto, esta petición oriéntase a solicitar compensacións ao sobrecusto que deben asumir os 15 municipios do Grupo polas características que teñen as Cidades Patrimonio da Humanidade, tanto á hora do mantemento como das obrigas e requisitos especiais por ter a declaración da Unesco.

Para argumentar esta petición do GCPHE presentouse un dossier no que se inclúen os traballos previos de distintas xornadas de traballo e os resultados dun Curso Internacional de Verán no que se abordou a temática de "Facendas Locais e Patrimonio Histórico".

Desta forma, a documentación achegada recolle estudos técnicos preliminares que avaliaron o sobrecusto para as cidades polo mantemento de espazos Patrimonio da Humanidade (limpeza, lixo, transporte, iluminación), así como a diminución nos ingresos xerados polas exencións nalgúns tributos municipais que se ven limitados ao tratarse de edificios patrimoniais (IBI, ICIO, rehabilitación, etc.) e que son máis abundantes nas 15 cidades que conforman o Grupo, ao contar cun recoñecemento pola Unesco polos seus conxuntos patrimoniais.

Dende o Grupo de Cidades Patrimonio quíxose lembrar que estas exencións ou sobrecustos no mantemento tenos que asumir a cidadanía dos 15 municipios de maneira íntegra con cargo aos orzamentos municipais, polo que se espera que á hora de abordar o novo Financiamento Local se teñan en conta posibles contraprestacións ou unha maior colaboración por parte das distintas administracións.

Compartir: