DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

O I Foro de Economía Social Inspiradora acollerá dous obradoiros para traballar equipos colaborativos

01/12/2016 O I Foro de Economía Social Inspiradora. Emprender na adversidade celebrarase o vindeiro 15 de decembro nas instalación do Cersia Empresa, en San Lázaro, no marco das actividades do programa Compostela Móvese 2016. Entre as actividades do Foro figuran dous obradoiros para traballar equipos colaborativos.

O Foro ten como obxectivo principal estimular a promoción económica centrada nas persoas como motores de cambio e na responsabilidade empresarial como factor clave do emprendemento sostible. Para iso, o Foro combinará sesións plenarias con charlas inspiradoras de experiencias reais de emprendemento e con dinámicas grupais e actividades que axuden ás persoas participantes a superar a negatividade e a coñecer mecanismos para afrontar retos e establecer redes de colaboración. Neste Foro tamén se busca coñecer e recoñecer o traballo de empresas con valores sostibles, igualitarios e solidarios.

Ademais das charlas e relatorios da mañá, no Foro desenvolveranse dous obradoiros pola tarde, ambos en horario de 16:30 a 18:30 horas, que afondarán nos seguintes contidos:

- "A importancia de traballar na construción do noso equipo como elemento clave: propósito e valores". Este obradoiro comprende dúas actividades: a primeira a cargo das persoas participantes no programa Colabora, que incidirá na importancia de traballar na construción do equipo como elemento clave: propósito e valores. Presentarán o equipo que construíron e os proxectos que están comezando a desenvolver utilizando dinámicas de co-participación. Na segunda parte, as co-organizadoras do programa invitarán ás participantes a vivir e experimentar o equipo como ferramenta e metodoloxía empoderadora para ser axentes de cambio nos nosos contornos persoais e profesionais.

- "Taller para o deseño de proxectos de colaboración". Este obradoiro desenvólvese no marco do Grupo de Emprendemento Creativo e vai destinado ás persoas interesadas no deseño e implantación de proxectos en rede. Esta acción, que será liderada polas persoas co-organizadoras do grupo, consistirá na busca de alianzas entre as persoas asistentes, a través de dinámicas de aprendizaxe compartido, que axuden a xerar ideas de proxectos de colaboración.

As persoas interesadas en participar nos talleres, terán que indicalo na inscrición ao Foro, escollendo o obradoiro no que van querer participar.

Ademais destas actividades, o Foro acollerá pola mañá sesións plenarias con charlas inspiradoras de experiencias reais de emprendemento con valores sostibles, igualitarios e solidarios. No Foro estarán representadas entidades relacionadas coa economía social en sentido estrito (UGACOTA, AESGAL E AEIGA), e presentaranse os resultados do informe sobre Economía Social en Santiago de Compostela, pero o encontro quere ir mais alá falando da necesidade de colaborar, aproveitar as sinerxías entre empresas ou sumar esforzos para crear redes de traballo que permitan desenvolver proxectos conxuntos.

Pódese atopar máis información sobre os contidos do programa e máis realizar a inscrición no Foro a web do Cersia.

Compostela Móvese
O programa Compostela Móvese recolle as múltiples actividades que desenvolve a Oficina de Promoción Económica municipal para impulsar un novo modelo económico para Santiago apoiándose nas principais fortalezas da cidade: capitalidade, proxección internacional, universidade, cultura e patrimonio e cumprimento dos criterios de sustentabilidade do territorio.

A segunda edición de Compostela Móvese conta cun orzamento total de 253.000 euros. O programa ten dúas grandes liñas de actuación diferenciadas. Por unha banda, hai unha liña de axudas á creación de empresas que busca apoiar o crecemento apostando polos sectores económicos definidos como claves para o desenvolvemento sostible do Concello. Por outra parte, hai unha liña de actividades de dinamización económica que parte da base da riqueza en coñecemento, profesionais e ideas de Santiago e busca artellar espazos de intercambio, formación e crecemento coma o I Foro de Economía Social Inspiradora. Emprender na Adversidade.

Direccións relacionadas



Compartir: