MEDIO AMBIENTE

A Asociación de Amigos do Museo de Historia Natural da USC organiza un concurso de relatos curtos ilustrados

01/12/2016 A Asociación de Amigos do Museo de Historia Natural da USC vén de convocar o seu segundo concurso de relatos curtos ilustrados, que neste Ano Internacional dos Legumes estará dedicado a este alimento. Así, os traballos que se presenten deben estar relacionados cos legumes: as plantas que os producen, os tipos que existen, as súas propiedades, ou a súa historia.

O prazo para presentar os relatos ilustrados estará aberto dende hoxe ata o 10 de xaneiro, e os gañadores coñeceranse na primeira semana de febreiro de 2017. Os premios serán unha cámara tipo GoPro, pero todas as persoas participantes no concurso recibirán un diploma. Establécense catro categorías, segundo a idade dos e das participantes: de 5 a 8 anos, de 9 a 13 anos, de 14 a 17 anos, e de 18 ou máis anos.

Os traballos deben presentarse en tamaño A4, con texto e ilustración nunha soa cara. As ilustracións, debuxos ou fotografías deben ser orixinais. Os relatos curtos ilustrados poden entregarse na recepción do Museo de Historia Natural da USC, no parque de Vista Alegre, ou no correo electrónico comunicación.museohistorianatural@usc.es.

Exposición sobre as legumes
Unha boa fonte de inspiración para os que queiran participar no concurso pode ser a exposición temporal 2016, Ano Internacional dos Legumes, organizada polo Museo de Historia Natural da USC en colaboración coa Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia. Nela móstranse legumes diferentes, ordenados por especies representativas de cultivos que na actualidade ou no pasado houbo en Galicia.

A exposición contén sementes de fabas, garavanzos, lentellas e chícharos, acompañadas de fichas explicativas. No exterior do Museo tamén se poden ver as plantas que producen estes legumes.

Compartir: