MEDIO AMBIENTE

A programa Tropa Verde, Premio R de Ecoembes

01/12/2016 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, recolleu onte en Madrid un novo premio para o programa Tropa Verde. Desta vez, foi o Premio R de Ecoembes, na categoría de mellor campaña de sensibilización das administracións públicas.

Ecoembes convoca os seus Premios R co obxectivo de recoñecer as mellores iniciativas innovadoras relacionadas coa reciclaxe e a sostenibilidade. Faino baixo a premisa de que reciclar é unha carreira de relevos na que todos participamos: empresas, investigadores, emprendedores, medios de comunicación, institucións públicas e a cidadanía.

O programa Tropa Verde impúxose na categoría de mellor campaña de sensibilización das administracións públicas ás candidaturas dos Concello de Zaragoza, por un programa para a reciclaxe na súa zona histórica, e do Cabido insular de La Palma, que optaba ao galardón por un programa socioeducativo sobre reciclaxe.

Tropa Verde é un proxecto tecnolóxico e innovador desenvolvido por Teimas Desenvolvemento, que premia a conciencia ecolóxica da veciñanza. Os cidadáns inscritos na plataforma reciben puntos cada vez que fan accións responsables medioambientalmente, como depositar residuos nos lugares acaídos ou asistir a eventos de sustentabilidade. Eses puntos pódense trocar por distintos agasallos e premios que entrega nos locais patrocinadores.

Na plataforma están rexistrados máis de 2.000 cidadáns e conseguiuse a patrocinio de 115 establecementos do comercio e da hostalería compostelá. Outros datos que falan do éxito do programa son que, en menos dun ano, repartíronse 4.700 cheques e ofertáronse 1.500 recompensas por un valor de 12.000 euros.

Compartir: