IGUALDADE

Entregados os galardóns aos gañadores do I Concurso Recicla o Xénero (Des)Igualdade Ilustrada

30/11/2016 A concelleira de Igualdade, Promoción Económica e Turismo, Marta Lois, entregou esta mañá os premios da primeira edición do concurso de ilustracións Recicla o xénero (Des)Igualdade Ilustrada, promovido dende a Concellería de Igualdade no marco do 25 de novembro, día da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

O primeiro premio recaeu en Brais Lestón, un alumno moi afeccionado ao grafite, técnica usada para a elaboración do seu traballo. Marta Lois destacou "o gran traballo realizado por Brais, que me lembra aos grafites de Xoán XXIII". O segundo premio foi para Lía Conde, cun traballo cuxo lema era "non deixes que faga do teu corpo un cárcere". O terceiro recaeu en Daniela Furelos baixo o lema "Non deixes que te atemoricen" e o cuarto foi para Clara Torres. Ademais, déronse dous accésit.

A concelleira de Igualdade dirixiuse ao alumnado como "a xeración do futuro, a Compostela en verde e a esperanza de que as cousas muden para ben en materia de igualdade de xénero e de oportunidades para todos e todas".

Recicla o xénero é un proxecto de sensibilización en igualdade de oportunidades e loita contra a violencia de xénero que xa comezou no curso 2015-2016 e que ten continuidade no actual. O proxecto contempla principalmente accións de sensibilización destinadas ao alumnado de 3º e 4º da ESO e de 1º de Bacharelato.

Neste curso 2016-2017 incorporouse a este tipo de actividades a realización do concurso de ilustracións no marco do 25 de novembro como complemento á campaña de sensibilización ante esta lacra promovida dende o Concello de Santiago.

O centro elixido para esta primeira experiencia é o IES de Sar, onde se pon en marcha cunha dobre vertente. Por unha banda, favorecer a reflexión entre a mocidade participante no concurso a través dunha actividade motivadora e atractiva que se integre na programación do curso. Por outra banda, implicar ao alumnado na campaña de loita contra as violencias machistas e convertelo nun xerador de recursos (as ilustracións) que poderá ser a base da sensibilización entre compañeiros e compañeiras.

Á hora de seleccionar as ilustracións gañadoras o xurado tivo en conta a orixinalidade, creatividade, a innovación, o impacto, a mensaxe transmitida, os valores subxacentes, as posibilidades interpretativas e a potencialidade como recurso de sensibilización. Os premios a repartir consisten en vales que se permutarán nun establecemento especializado en artes plásticas. O primeiro premio é un vale de 100 euros e o segundo de 50. Tamén se contemplan un 3º e 4º premio con importes de 50 e 30 euros.

Compartir: