EDUCACIÓN E CIDADANÍA

"Ler para comprender o mundo", o simposio que reivindica a lectura como motor do coñecemento

29/11/2016 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presentou as conferencias que terán lugar no próximo mes de decembro e que levan por nome Ler para comprender o mundo. Ese é o lema do simposio sobre o libro e a lectura que organizará o vindeiro mes a Asociación Galega de Editoras e o Departamento de Educación, en colaboración con Cedro e o Consello da Cultura Galega.

O XIII Simposio da AGE terá lugar no Auditorio do Consello da Cultura Galega os días 15 e 16 de decembro. O encontro reunirá a diferentes expertos e promotores da cultura escrita coa finalidade de reflexionar colectivamente, debater e reivindicar a lectura como cerna e motor do coñecemento.

Manuel Dios animou a todos os colexios e profesorado interesado a participar, para así "mellorar os índices de baixa lectura que hoxe se dan entre as persoas máis mozas". Acompañouno na rolda de prensa Henrique Alvarellos, vicepresidente da Asociación Galega de Editoras, que a propósito do lema do simposio, destacou que "ler ser comprender converteríanos en persoas ignorantes". Nesa mesma se liña se pronunciou Silvia Bello, secretaria técnica da Asociación, quen indicou que "a lectura é o eixo principal de traballo dos que nos dedicamos a esto e por iso este tipo de iniciativas cobran tanta importancia"

Programación completa
Tres conferencias e dúas mesas redondas vertebran un programa que se inicia o xoves 15 ás 16:30 horas. O escritor, mestre e contacontos Xabier P. Docampo (Rábade, 1946) abrirá as intervencións co relatorio "Ler na escola: o risco de prender lume" (17:00 horas). Seguiralle, o actor, narrador e director teatral Quico Cadaval (Ribeira, 1960) que intervirá coa conferencia "Ler para crer" (18:30 horas).

As sesións continúan na mañá do venres 16, ás 10:00 horas, coa mesa redonda "Compartindo lecturas, abrindo fiestras", na que participarán Cristina Novoa, das Bibliotecas Escolares de Galicia; Carmen García Paz, do CIFP Ánxel Casal de Monte Alto; e Gracia Santorum, do Club de Lectura do IES Laxeiro de Lalín.

Ás 11:30 horas, unha segunda mesa redonda reunirá a Mercedes Queixas, secretaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega; Carlos Coira, da libraría Trama de Lugo; e Ánxeles Roca, bibliotecaria de Cambre. Finalmente, o escritor Gustavo Martín Garzo (Valladolid, 1948) pechará as xornadas impartindo a conferencia "O territorio do lobo" (13:00 horas).

As sesións do XIII Simposio da AGE están abertas ao público, que pode inscribirse de balde ata o 9 de decembro no enderezo electrónico s.tecnica@editoresgalegos.org. As persoas que acudan ás actividades programadas recibirán un certificado de asistencia.

Documentos relacionados



Compartir: