CONSORCIO

Un violín de 1736 soará nos concertos desta semana da Real Filharmonía de Galicia

28/11/2016 A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá dous concertos esta semana. O primeiro terá lugar o mércores 30 en Vigo, no Teatro Afundación, ás 20:30 horas. E, ao día seguinte, a orquestra tocará na súa sede, o Auditorio de Galicia, tamén ás 20:30 horas, no marco das Xornadas de Música Contemporánea, como concerto de clausura das mesmas. En ambas as actuacións levará a batuta o director cántabro Jaime Martín.

Os concertos arrancarán con Tres pinturas velazqueñas, do compositor aragonés Jesús Torres (1965), obra gañadora do VIII Premio de Composición AEOS-Fundación BBVA en 2015. Versa sobre tres lenzos de Velázquez: La Venus del espejo, Cristo crucificado e El triunfo de Baco.

A continuación, o público terá a oportunidade de escoitar o Concerto para violín e instrumentos de vento do compositor alemán Kurt Weill (1900-1950). Esta obra será interpretada polo violinista londiniense Anthony Marwood, que toca un violín Carlo Bergonzi de 1736, cedido ao músico por un consorcio de compradores.

Marwood é recoñecido internacionalmente como un artista cunha forza expresiva excepcional, unha técnica espontánea e un ton fermoso. A súa natureza enerxética e colaborativa fai que orquestras de todo o mundo demanden a súa presenza como solista e director. É principal socio artístico da afamada orquestra de cámara canadense Lles Violons du Roy. Ademais, nesta tempada é director artístico invitado da Orquestra de Cámara Noruega. O seu prestixio como solista levouno a traballar con grandes directores e coas orquestras máis relevantes de toda Europa (Reino Unido, Islandia, Austria, Alemaña, Noruega...), Estados Unidos, Nova Zelandia, Australia...

O violinista é un recoñecido defensor e divulgador da música contemporánea, estreando e gravando con asiduidade obras para violín que destacados compositores escriben para el. Gravou multitude de discos, con grande éxito de crítica.

Os concertos concluirán coa Sinfonía nº 4 de Beethoven (1770-1827), recoñecida como unha gran obra mestra. Compúxoa aos seus 36 anos, cando atravesaba un difícil período polo agravamento da súa xordeira, xa case total. Con todo, Beethoven transformaba a súa angustia persoal en obras musicais cheas de forza expresiva. Esta sinfonía esixe da orquestra un gran virtuosismo, debido á súa precisión sonora e á gran cantidade de recursos técnicos descoñecidos ou non suficientemente explotados ata ese momento.

Charla previa co director Jaime Martín
Antes da celebración do concerto de Santiago, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co director Jaime Martín. Será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Nacido en Santander, Jaime Martín formouse en Holanda. Nos últimos anos recibiu o recoñecemento internacional como director de orquestra a raíz da súa prominente carreira como frautista. En 2013 converteuse en director artístico e director principal da Orquestra Sinfónica de Gävle (Suecia) e tamén é director titular da Orquestra de Cadaqués e director artístico do Festival Internacional de Santander. Levou a batuta de agrupacións en toda Europa, Estados Unidos, América Latina e Asia.

Compartir: