ESPAZOS CIDADÁNS

Suspendida a concesión de licenzas para novos establecementos hoteleiros na zona vella por un máximo de dous anos

28/11/2016 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade compareceu hoxe en rolda de prensa para explicar a modificación puntual do Plan Especial da Cidade Histórica que foi aprobada inicialmente na Xunta de Goberno do pasado venres. Jorge Duarte explicou que o obxectivo último do cambio é "frear a proliferación de establecementos de hotelería, nas súas diferentes tipoloxías, e fomentar o uso residencial da zona vella de Compostela".

A modificación aprobada inicialmente, e que agora terá que ser informada tanto pola Dirección Xeral de Patrimonio como pola Secretaría Xeral de Urbanismo da Xunta, decreta automaticamente a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas para a autorización de novos establecementos hoteleiros, aloxamentos e vivendas turísticas e actividades de residencial comunitario (non universitario). Trátase de usos que ata o de agora eran compatibles co residencial, considerado prioritario no ámbito do Plan Especial. Na práctica, prolóngase no tempo a moratoria que xa estaba vixente desde decembro de 2015.

Jorge Duarte explicou que esta suspensión poderase manter por un período máximo de dous anos, tal e como se recolle na Lei do Solo de Galicia. O concelleiro apuntou que, neste prazo, "o Concello deberá ter aprobado o novo Plan Especial da Cidade Histórica, do que xa hai un borrador que están analizando os técnicos, e un Plan de Xestión que diga cales son os usos autorizables en cada zona da cidade e en cada tipoloxía de edificación".

Aposta por unha cidade histórica viva
O edil de Espazos Cidadáns sinalou que o obxectivo do Plan Especial debe ser "garantir que a cidade histórica siga sendo unha zona viva da cidade, e non unha sucesión de establecementos hoteleiros". Jorge Duarte apuntou que "o sector coincide na diagnose de que hai un exceso de oferta, que leva a que durante gran parte do ano teñan que pechar habitacións, e que os establecementos non poidan xerar empregos de calidade".

Ademais, o concelleiro apuntou que o Concello debe avogar por "frear a especulación na zona vella, porque é evidente que hai edificios á venda que polo seu alto prezo poderían ser adquiridos para darlle un uso hoteleiro, pero non residencial". O resultado, advertiu, está a ser a perda de poboación da cidade histórica "un 10% nos últimos dez anos".

Compartir: