ACCIÓN CULTURAL

Carlos Saura recibiu o Premio Cineuropa

26/11/2016 O director Carlos Saura recibiu de mans do alcalde, Martiño Noriega, o Premio Cineuropa, nun acto celebrado no Teatro Principal, que incluíu a proxección do seu filme Zonda: folclore argentino. O gaiteiro Carlos Núñez, que participa no último documental do cineasta, La jota, tamén se sumou ao recoñecemento outorgado polo festival compostelán.

Pouco podemos dicir dun cineasta como Carlos Saura. Un Oso de Ouro en Berlín por Deprisa, deprisa, dous de prata por La caza e Peppermint frappé; tres premios en Berlín; os grandes triunfos en Cannes de Cría cuervos e La prima Angélica; o Premio Nacional de Cinematografía; dous doutoramentos Honoris Causa e unha infinidade máis de recoñecementos, falan por si mesmos.

Segundo José Luis Losa, director do festival, Saura é "o cineurgo que mellor explicou as disonancias dun país cainita ou as confluencias dende o folclore, o flamenco e a ópera". Tras a entrega do premio a Carlos Saura proxectouse Zonda: folclore argentino.

Última xornada
celebración, nostalxia e, sobre todo, moito cine. No Salón Teatro e no Teatro Principal proxectaranse varios dos mellores filmes da semana. Con Ma vie de Courgette, a película de animación de Claude Barras, dará comezo a programación do día ás 16:45 horas no Principal. A dura historia duns nenos que compoñen a súa propia familia no orfanato onde conviven obtivo o premio do público no Festival de Annecy. De seguido, no mesmo Principal, ás 18:00 horas, teremos a última oportunidade de ver Sangue del mio sangue, de Marco Bellocchio, un relato en dous tempos cualificado pola crítica como complexo, audaz, rupturista, libre e irreverente.

Sieranevada, de Cristi Puiu, comezará ás 20:00 horas. Trátase practicamente dunha peza de cámara, na que unha reunión familiar serve como pretexto para tratar temas como a natureza humana, a identidade, a memoria histórica e a realidade social e política da Romanía actual. Rester vertical, de Alain Guiraudie, pechará a programación de Cineuropa no Teatro Principal ás 23:00 horas. O filme foi definido polo director do festival, José Luis Losa, como "un conto de fadas sobre a paternidade".

Pola súa banda, a pantalla do Salón Teatro ofreceranos ás 18:00 horas un último pase de Une vie (Unha vida), de Stéphane Brizé, un retrato feminino elegante e emocional cuxa grandeza se atopa nos pequenos detalles. Despois tocaralle a quenda á segunda película de Bellocchio do día, Fai bei sogni (Doces soños), unha poética análise da soidade e do sentimento de orfandade. The girl with all the gifts, de Colm McCarthy, botará o peche á programación do Salón Teatro. Ás 22:30 horas dará comezo esta historia de supervivencia e ciencia ficción que acadou o premio á Mellor Actriz no Festival de Sitges polo gran papel da pequena Sennia Nanua.

Compartir: