ACCIÓN CULTURAL

Carlos Saura recolle o Premio Cineuropa

25/11/2016 A xornada deste sábado en Cineuropa, a penúltima do festival, estará protagonizada polo recoñecemento a Carlos Saura como un dos cineastas máis importantes do cinema español. Ademais, o Teatro Principal acolle a estrea de Fai bei sogni (Doces soños, o novo de Marco Bellocchio.

Pouco podemos dicir dun cineasta como Carlos Saura. Un Oso de Ouro en Berlín por Deprisa, deprisa, dous de prata por La caza e Peppermint frappé; tres premios en Berlín; os grandes triunfos en Cannes de Cría cuervos e La prima Angélica; o Premio Nacional de Cinematografía; dous doutoramentos Honoris Causa e unha infinidade máis de recoñecementos, falan por si mesmos. Segundo José Luis Losa, director do festival, Saura é "o cineurgo que mellor explicou as disonancias dun país cainita ou as confluencias dende o folclore, o flamenco e a ópera". Tras a entrega do premio a Carlos Saura, ás 20:15 horas, proxectarase Zonda: folclore argentino, de entrada libre previa retirada de convite no despacho de billetes do Teatro Principal.

Ás 16:45 horas, no Teatro Principal, poderemos asistir ao primeiro dos pases en versión orixinal de Ma vie de Courgette, o filme de animación de Claude Barras co que este ano Cineuropa recuperou a súa versión infantil. Ma vie de courgette propón un terapéutico achegamento a varias realidades sociais plenamente actuais dun grupo de nenos que convive nun orfanato.

O mesmo Principal acollerá ás 22:15 horas a estrea de Fai bei sogni (Doces soños), o filme co que Marco Bellocchio inaugurou a Quincena de Realizadores do Festival de Cannes. Bellocchio parte dun relato íntimo cuxos límites de narrativa clásica se difuminan a medida que avanza a metraxe cara o lirismo e a fantasía máis poética.

No Salón Teatro haberá unha nova oportunidade de asistir ás proxeccións de Train to Busan, de Yeon Sang-ho, valorada polo público do festival cun 7,57 (ás 18:00 horas); While the women are sleeping (Mentres elas dormen), de Wayne Wang (ás 20:00 horas); e The autopsy of Jane Doe (A autopsia de Jane Doe), filme de horror de André Øvredal que obtivo unha puntuación de 7,11 no seu pase anterior (ás 22:00 horas).

Direccións relacionadas



Compartir: