XUNTA DE GOBERNO

Todo listo para iniciar a repavimentación do entorno de Santa Susana

25/11/2016 A Xunta de Goberno adxudicou hoxe as obras de repavimentación do entorno do Parque de Santa Susana, unha actuación que se financiará con cargo aos remanentes. A obra está presupostada en 72.994 euros (máis IVE de 15.328,74 euros) e dela encargarase a empresa F.Gómez y CIA.

Aínda en materia de obras, hoxe adxudicáronse tres actuacións financiadas con cargo ao Plan de Acción Social da Deputación da Coruña. A primeira delas é a ampliación da rede de abastecemento en Sionlla de Abaixo, por un importe de 29.584 euros e da que se encargará a empresa Espina y Delfín.

A mesma firma foi a adxudicataria das obras de modernización do alumeado público en varias parroquias do rural, entre elas Busto, Figueiras e A Gracia. A actuación terá un custo de 66.226 euros.

A terceira das obras do PAS adxudicadas hoxe é a remodelación do trazado da curva M-8, en Marzo de Arriba. Os traballos correrán a cargo da empresa Excavaciones Cernadas Valiña S.L, por un importe de 37.732 euros.

Modificación puntual do Plan Especial
A Xunta de Goberno acordou hoxe aprobar inicialmente a modificación puntual do Plan Especial da Cidade Histórica, para limitar os aloxamentos de carácter temporal no seu tecido residencial. A modificación será publicada no Diario Oficial de Galicia e comunicada individualmente aos titulares dos terreos catastrais afectados.

O acordo supón a suspensión no outorgamento de licenzas para novos establecementos hoteleiros e aloxamentos, durante un prazo máximo de dous anos e a ata a aprobación definitiva do planeamento.

Bolsas de comedor
A proposta da concelleira delegada de Políticas Sociais, a Xunta de Goberno aprobou a resolución definitiva da convocatoria de concesión de bolsas de comedor, adquisición de material escolar e actividades extraescolares para o curso 2016-2017. Na convocatoria concedéronse 340 bolsas de comedor por escaseza de recursos, 40 bolsas de comedor para a conciliación da vida persoal, familiar e laboral; 220 bolsas para actividades extraescolares, e 116 bolsas para material. En total, repartíronse 360.000 euros. No curso pasado, concedéronse bolsas por un importe total de 169.000 euros, con 217 bolsas asistenciais, e 41 bolsas de conciliación. Neste curso 2016-2017 foi a primeira vez na que se ampliaron as bolsas a novos conceptos, máis alá das de comedor.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: