XUNTA DE GOBERNO

Adxudicada a iluminación para as festas do Nadal

25/11/2016 A Xunta de Goberno adxudicou hoxe a instalación da iluminación decorativa con motivo do Nadal á empresa Iluminaciones Artísticas Salnés S.L. O alcalde, Martiño Noriega, amosouse convencido de que "cos prazos que manexamos, o alumeado poderá estar funcionando en torno á ponte de decembro".

O contrato ten un presuposto de 45.375 euros, IVE incluído. A empresa adxudicataria tamén comprometeu un incremento do número de elementos luminosos a instalar, por un importe de 16.460 euros, IVE aparte. Segundo o prego da licitación, a iluminación de Nadal funcionará desde as seis da tarde ata as dúas da madrugada, agás nos días 24, 25 e 31 de decembro e 5 de xaneiro, nos estará acendida desde as seis da tarde ata o amencer.

Melloras no alumeado público
A Xunta de Goberno tamén acordou hoxe autorizar a Ferrovial para levar a cabo diversas actuacións de mellora no alumeado público. En concreto, vaise modernizar a iluminación pública nos soportais de Área Central, por 17.102 euros; suprimiranse as lámpadas de vapor de mercurio de 50 a 80 watios, cun custo de 41.171,81 euros; e ampliaranse os puntos de luz no parque Pablo Iglesias, por 4.056,17 euros. Todas estas actuacións financiarase con cargo á partida de melloras xa incluída no contrato con Ferrovial e que ascende a 150.000 euros.

Prórrogas de contratos
A proposta da concelleira delegada de Deporte, hoxe prorrogáronse dous contratos. Un deles é o de conserxería e limpeza das dependencias deportivas municipais de Conxo, asinado con Arines Obras y Proyectos, e que estará vixente ata o 28 de xaneiro de 2017. O outro contrato prorrogado, coa empresa Lacera Servicios y Mantenimiento ata o 30 de abril de 2017, é para o servizo de conserxería e limpeza de varias instalacións deportivas municipais.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: