POLÍTICAS SOCIAIS

Concha Fernández abriu o X Seminario sobre Discapacidade Intelectual e Saúde Mental

25/11/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, inaugurou o X Seminario de Saúde Mental e Discapacidade Intelectual, que se celebrou na Facultade de Psicoloxía. A xornada estivo organizada por Fademga Plena Inclusión Galicia, coa colaboración do Grupo de Traballo de Trastornos Mentais e/ou alteracións de conduta.

O Seminario da Discapacidade permite cada ano traballar na mellora dos apoios que reciben as persoas con discapacidade intelectual e con trastornos mentais e/ou alteracións de conducta asociados, dando resposta ás necesidades do colectivo a través de diferentes relatorios e talleres prácticos.

A través deste tipo de encontros, Fademga Plena Inclusión Galicia busca a implicación de maneira activa, da Administración e de profesionais (psiquiatras das Unidades de Saúde Mental do Sergas e demais traballadores/as vinculados/as como logopedas, psicólogos/as, etc.) para asegurar o dereito a unha atención, un apoio e un tratamento idóneo.

Este seminario é o inicio da campaña que o movemento de Plena Inclusión iniciará a próxima semana en todo o territorio nacional, dedicada á visibilización das persoas con discapacidade.

Compartir: